A finais dos anos noventa demos os primeiros pasos para construír unha compañía enerxética en Galicia. A creación de Reganosa permitiu o desenvolvemento do sistema gasista galego, a implantación de 1200 MW de potencia en centrais térmicas de ciclo combinado e a transformación dos procesos das principais industrias da comunidade.
En 2007 comezamos a operar coas nosas primeiras infraestruturas, a terminal de Mugardos e a rede de gasodutos. Desde novembro dese ano, contribuímos de maneira decisiva a garantir a seguridade de subministración do sistema gasista español, que gaña en robustez e flexibilidade coa posta en marcha das nosas infraestruturas.
Actualmente estamos autorizados e designados como xestores da rede de transporte (TSO) polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, tras un proceso de certificación aprobado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e pola Comisión Europea, o que nos homologa co resto de operadores das redes de transporte de gas natural na Unión Europea. Desde xullo de 2014 formamos parte de European Network of Transmission System Operators for Gas (ENTSOG) .
CREACIÓN DUN HUB DE GNL
No ano 2013 iniciamos os estudos para a creación dun hub de GNL no noroeste da Península Ibérica, no marco do programa TEN-T da Comisión Europea. Este proxecto mostra a vontade da compañía por asegurar que novos sectores, neste caso o transporte marítimo, poidan aproveitar as vantaxes económicas e ambientais do gas natural. Para adaptarnos ás crecentes necesidades loxísticas, ampliaremos as nosas infraestruturas. Todas as necesarias foron incluídas no plan decenal de desenvolvemento de redes da Unión Europea (Ten Year Network Development Plan 2015-2024).
Somos unha organización que responde aos retos de afrontar a xestión diaria con capacidade para planificar e desenvolver proxectos dentro dun mercado global e atendendo ás novas demandas do sector. Os nosos profesionais, altamente cualificados e cun elevado grao de compromiso, fan posible o desenvolvemento da nosa actividade.