O gas natural é un combustible natural de orixe fósil que se atopa normalmente no subsolo continental ou mariño. É un produto que se conserva en grandes depósitos subterráneos (concas gasíferas ou xacementos).
Formouse hai millóns de anos cando unha serie de organismos descompostos, como animais e plantas, quedaron sepultados baixo lodo e area, no máis profundo de antigos lagos e océanos. A medida que se acumulaba lodo, area e sedimento fóronse formando capas de roca a gran profundidade. A presión causada polo peso, máis a calor da terra, transformaron lentamente o material orgánico en petróleo cru e en gas natural.
O gas acumúlase en bolsas entre a porosidade das rocas subterráneas. En ocasións queda atrapado, debaixo da terra, por rocas sólidas que evitan que o gas flúa, formándose o que se coñece como xacemento. Desde eses depósitos naturais extráese a través de perforacións da capa terrestre ou submarina, o que se denomina pozo.
Trátase dunha mestura de hidrocarburos na que predomina o metano (85 % - 95 %), e na que tamén se atopan etano, propano, butano e pentano. Ademais adóitase presentar con outros compostos, como metais e xofre, que se eliminan antes de levalo ás redes de transporte ou ás plantas de licuación.
O gas natural mídese en unidades de enerxía e non en volume ou peso, é dicir, polo seu poder calorífico ou calor que desprende na súa combustión. A cantidade exprésase comunmente en quilowatts hora por metro cúbico (kWh/m3). O rango está entre 10 a 13 kWh/m3 medido a 0 ºC e 1 atmosfera.
Mentres que as reservas de petróleo están concentradas en Oriente Medio (65 %), a localización dos xacementos de gas natural é máis diversa, o cal constitúe unha garantía que cómpre ter en consideración. As principais bolsas atópanse en Rusia e en Oriente Medio, pero tamén hai cantidades importantes noutras zonas. As reservas probadas incrementáronse nos últimos anos, nos que Estados Unidos emerxeu como un dos maiores produtores. Isto propiciou a mellora na seguridade de subministración. A medida que avancen as prospeccións e a tecnoloxía, o prazo será maior.
A principios do século XXI, as reservas probadas europeas (especialmente de Noruega, Gran Bretaña e Holanda) supuñan o 3,5 % do total mundial; as de Asia, o 7 %; as de África, o 7,67 %; as de América, o 9,31 %; as de Oriente Medio, o 33,9 %, e as da Federación Rusa, o 38,8 %.
España ten en Alxeria ao seu principal provedor de gas natural, país que achega ao redor do 50 % do total importado. Outros subministradores son Noruega, Qatar, Nixeria, Trinidad e Tobago ou Perú.
Porque é máis seguro de manexar e máis fácil de transportar. Licuado, o produto ten un volume 600 veces menor que en estado gasoso, o que permite abaratar o seu traslado en barco a grandes distancias. Ademais, convertido en líquido, o gas nin arde nin explota, de modo que se mellora notablemente a seguridade da navegación.
A licuefacción conséguese arrefriando o gas natural a 160 graos baixo cero e a unha presión próxima á atmosférica. As plantas que realizan este proceso atópanse situadas na costa, habitualmente preto dos xacementos, e poden dispor dun ou máis trens de GNL, que forman unidades independentes pero que comparten a mesma terminal de embarque.
O gas licuado supón unha gran vantaxe estratéxica, en tanto que lle dá liberdade ao mercado porque diversifica os provedores e a procedencia do combustible, o que non ocorre coas importacións por gasoduto, onde subministrador e consumidor están cativos o un do outro.
O transporte desde o país produtor até o consumidor faise por barco ou por gasoduto, e este pode ser terrestre ou submarino. No caso do GNL, lévase ao destino en grandes buques metaneiros que, en lugar de adegas, teñen tanques crioxénicos. Trátase de naves de alto nivel tecnolóxico e con requirimentos de seguridade elevados, cumprindo estándares de seguridade internacional e sendo sometidos a revisións periódicas. Os estaleiros de Navantia en Ferrol son líderes mundiais nesta actividade.
Unha vez regasificado en planta, o transporte do gas realízase a través da rede de tubos. Reganosa —que está certificada como TSO— posúe o seu propio gasoduto, que forma parte da rede troncal española.
O gas licuado tamén pode ser distribuído utilizando camións cisterna —o que resolve un grave problema social en poboacións dispersas que carecen de gasodutos— ou, por transporte marítimo, por medio de metaneiros de pequeno tamaño.
España destaca no mundo pola súa dotación de terminais de recepción de GNL, por iso é polo que máis da metade do gas natural importado chega licuado e, polo tanto, a bordo de metaneiros. A Península Ibérica dispón de ligazóns co resto de Europa e África, aínda que os primeiros necesitan ser mellorados. O gasoduto de Reganosa entronca co resto da rede nacional en Guitiriz (Lugo) e en Abegondo (A Coruña).
O gas natural é inodoro, aínda que ás veces, tal como se extrae do xacemento, pode levar algún produto químico que lle confire certo cheiro, e que se elimina no tratamento inicial. A lexislación española establece que o combustible ha de ser odorizado por razóns de seguridade, de modo que, se houbese unha fuga, o cheiro actuaría como un mecanismo de alerta ante a mesma.
Todas as plantas dispoñen de sistemas de odorización, por medio dos cales, unha vez que se produciu a regasificación, se inxectan unhas substancias que dan cheiro en cantidades dalgunhas partes por millón. Estas son compostos orgánicos que conteñen tanto xofre como tetrahidrotiofeno.
O gas natural é o combustible fósil de menor impacto ambiental. A súa utilización contribúe a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. No fogar pode substituír con vantaxe a outros produtos; no transporte por estrada evita todos os inconvenientes da gasolina e o gasóleo, en canto refírese a emisións á atmosfera.
No transporte marítimo, o GNL preséntase como o combustible idóneo para afrontar os requirimentos derivados de establecer áreas de control de emisión de gases de efecto invernadoiro. Xunto coas súas vantaxes ambientais, a súa dispoñibilidade e o seu prezo competitivo augúranlle unha gran demanda para a propulsión das frotas mercante e pesqueira.
Na xeración de electricidade, é a tecnoloxía non renovable menos agresiva co medio. Comparado con outros combustibles fósiles, as vantaxes do gas natural son moi notables: produce menos dióxido de carbono na súa combustión, apenas emisións de xofre e de metais pesados, o óxido de nitróxeno resulta moi inferior e non ocasiona residuos sólidos.
En España as plantas foron concibidas inicialmente para a recepción, o almacenamento e a regasificación de gas natural licuado, servizo que se presta a grandes clientes que son propietarios do combustible. Con todo, nos últimos anos están a evolucionar para converterse en grandes centros loxísticos, que tamén poden reexpedir por vía marítima cargamentos tanto en grandes buques como para a súa distribución a pequena escala.
A dispoñibilidade de regasificadoras achega liberdade ao mercado enerxético xa que dá entrada a diversos importadores e asegura as reservas estratéxicas que precisa calquera país. A actividade das terminais resulta esencial para garantir o funcionamento eficiente da rede gasística nacional, de centrais eléctricas e doutras instalacións industriais.