O proceso de contratación de capacidade de acceso de terceiros á rede, establecido no ano 2001 mediante o Real Decreto 949/2001, do 3 de agosto, polo que se regula o acceso de terceiros ás instalacións gasistas e se establece un sistema económico integrado do sector do gas natural, foi modificado de forma completa en 2015 coa publicación no BOE do Real Decreto 984/2015, do 30 de outubro, polo que se regula o mercado organizado de gas e acceso de terceiros ás instalacións do sistema de gas natural, que regula o acceso de terceiros ás instalacións gasistas e a xestión de garantías, entre outras cuestións.
Dende o ano 2019, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) ten a función de establecer, mediante circular, as metodoloxías utilizadas para calcular as condicións para a conexión e o acceso ás redes de gas e electricidade.
Con este obxectivo, a CNMC aprobou en decembro de 2019 a Circular 9/2019 pola que se establecen a metodoloxía e condicións de acceso e asignación no sistema de gas natural.
Esta circular determina o funcionamento do sistema gasista no que se refire ao acceso regulado de terceiros ás instalacións, incluíndo a definición dos servizos e produtos de capacidade a ofertar ao mercado, os procedementos para a asignación de capacidade, os criterios xerais do funcionamento técnico do sistema, os fundamentos para o establecemento de garantías relativas á contratación de capacidade e os mecanismos de xestión de conxestións.
O obxectivo do novo modelo de acceso establecido é fomentar e facilitar a competencia, promover un maior uso das infraestruturas gasistas, harmonizar, simplificar e establecer un mecanismo transparente e competitivo de asignación e utilización da capacidade, flexibilizar a operativa dos axentes e resolver as situacións de conxestión en plantas de regasificación.
Así, en abril de 2020 publícase a Resolución do 3 de abril de 2020, da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, pola que se establece o procedemento detallado de desenvolvemento dos mecanismos de mercado para a asignación de capacidade no sistema gasista, que establece o procedemento detallado de desenvolvemento dos mecanismos de mercado para a asignación de capacidade na rede de transporte, nas plantas de regasificación e nos almacenamentos subterráneos básicos.
O procedemento xeral de asignación de capacidade é un mecanismo de mercado baseado en poxas.
Por outra parte, para simplificar e harmonizar os procedementos de contratación de capacidade, a CNMC aprobou un modelo normalizado de contrato de acceso ás instalacións do sistema gasista e as addendas necesarias para incluír as necesidades contratadas. Este Contrato Marco encóntrase recollido na Resolución do 15 de abril de 2020, da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, pola que se aproba o contrato marco para o acceso ás instalacións do sistema gasista.
Este Contrato Marco será subscrito polas partes mediante a firma electrónica do documento de aceptación e adhesión ao mesmo aprobado pola Resolución do 15 de abril de 2020 (Anexo II).
A contratación dos servizos, tanto individuais como agregados, de acceso contemplados no Contrato Marco realizarase a través da plataforma de solicitude e contratación de capacidade (SL-ATR) xestionada polo Xestor Técnico do Sistema, de maneira independente. Cada solicitude de adquisición de capacidade introducida, supoñerá un compromiso firme, vinculante para as partes, de adquisición do produto en cuestión. Toda solicitude de capacidade introducida na plataforma estará suxeita a un proceso de validación para comprobar que se constituíron garantías suficientes. A plataforma posibilitará a contratación con suficiente antelación tendo en conta os horizontes temporais de cada produto.
O contrato perfeccionarase no momento de adxudicación, ou da casación nos casos nos que a asignación de capacidade se realice mediante procedementos do mercado. Nese momento, a plataforma xerará unha addenda ao Contrato Marco, diferenciada para cada produto e servizo contratado, cun único código de identificación da mesma, e na que se indicará a instalación contratada, o tipo de produto, a cantidade contratada, a fecha de inicio e a duración do servizo contratado.
Para máis información escríbenos a [email protected]