Avanzar na electrificación da demanda, incrementar a penetración das fontes renovables, estender os combustibles sintéticos e os biocombustibles, desenvolver as moléculas verdes como o biometano ou o hidróxeno, e impulsar o almacenamento, tanto hidráulico como en baterías. Por aí pasa o futuro do sector, como sinalou hoxe nosa responsable de Transición Enerxética, Andrea Miguez da Rocha. Na xornada “A dimensión enerxética do desenvolvemento industrial en Galicia”, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, ela resumiuno así: “Cremos que o mañá vai necesitar un mix de tecnoloxías, e que ningunha de forma illada vai ser suficiente”.
Xunto con portavoces de RESONAC – Graphite Business Unit, a Oficina Económica de Galicia e a Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica (ael?c), Míguez da Rocha participou nunha mesa de debate moderada pola subdirectora xeral de Enerxía e Planificación de Recursos da Xunta de Galicia, Paula Oliete Trillo. Nese foro explicou como Reganosa iniciou hai 10 anos un proceso de internacionalización que a levou a operar activos enerxéticos clave en Europa, Asia e África, e expuxo como a compañía se haxa inmersa agora nunha diversificación nos ámbitos da eficiencia, o almacenamento, a xeración con renovables e o hidróxeno verde.
“Estamos a desenvolver -expuxo- unha carteira de proxectos en Galicia que buscan contribuír a descarbonizar a economía, impulsar a nosa soberanía enerxética, reforzar a seguridade de subministración e levar a cabo unha transición realmente xusta e inclusiva”. Varias desas iniciativas concéntranse ao redor das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), atópanse nun estado de madurez técnica e administrativa avanzado, foron declaradas estratéxicas polas autoridades, e pivotan sobre a sustentabilidade económica, social e ambiental.
Para afrontar os grandes desafíos do sector, Míguez da Rocha avogou por implementar unha nova planificación de infraestruturas que aúne electricidade e gases, que teña en conta todas as fontes de xeración, e que pondere adecuadamente onde está a demanda. “Atopámonos nun momento de gran incerteza, con desafíos como a dispoñibilidade de infraestruturas para consumir e evacuar a enerxía; os promotores ignoramos cando van estar dispoñibles”, remarcou.
Entre outros factores que dificultan igualmente o desenvolvemento de proxectos citou os estritos requisitos regulatorios que marca Europa para a produción de hidróxeno renovable, a inadecuada correspondencia entra a madurez das iniciativas e o deseño das axudas públicas para impulsalos, e a actual desconexión de produción e consumo nos novos mercados. “E non nos podemos esquecer do almacenamento, onde non sabemos como se vai a estruturar o mercado de capacidade”, apostilou.