Concello, Club do Mar e Reganosa organizan unha intensa xornada de traiñeiras o sábado, coa participación de 21 tripulacións
Mugardos, 3 de xullo de 2025.- Mugardos converterase, un ano máis, na capital galega do remo. Este sábado pola tarde, 21 equipos tomarán parte na sétima edición da Bandeira Feminina Reganosa e na novena da Bandeira Concello de Mugardos, probas, respectivamente, da Liga Feminina e da liga A da liga Galega de Traiñeiras. Ambas organizadas polo Club do Mar, a primeira patrocínaa Reganosa e a segunda, o Concello.
A competición poderá seguirse desde o propio porto de Mugardos. A proba feminina arrincará ás 17.00 horas e a masculina espérase que teña lugar desde as 18.00.
A Bandeira Concello de Mugardos enfrontará ás tripulacións de Bueu-Simei, Chapela-Wofco, Tirán-Pereira, Castropol, Samertolameu-Oversea, Mecos, Mugardos, Urme, Cabo da Cruz, Narón e Cesantes-Rodavigo. Pola Bandeira Feminina Reganosa mediranse Cabo da Cruz, Tirán-Pereira, Chapela-Wofco, Cesantes-Bueu-Cefycal-Simei, Salgado-Perillo, Rianxo, A Cabana-Ferrol, Castropol, Mecos e Amegrove.
A presentación deste gran evento deportivo reuniu hoxe no porto mugardés á primeira tenente de alcalde da localidade, Ana Varela; ao tesoureiro do Club do Mar, Guillermo Pereira; a Andrea Piñeiro, unha representante das remeiras do club; e á responsable da terminal de gas natural licuado de Galicia, Nuria Rivas.
“Apoiar estas regatas -destacou Varela- é investir en mocidade, territorio e cultura”. “Grazas ao soporte constante do Concello e Reganosa, seguimos remando con forza e esperanza cada tempada”, subliñou Piñeiro.
Namentres, Rivas esgrimiu o compromiso de Reganosa coa contorna, o deporte local e a igualdade: “O esforzo, dedicación e espírito das nosas remeiras, son, sen dúbida, valores que compartimos e cos que nos sentimos identificados. O acontecemento do sábado será unha nova mostra do apoio de todos os que participamos na organización ao fomento da igualdade, á paixón polo deporte e ao compromiso coa nosa comunidade”.