Talento
ReganosaIMG05122025

Reganosa afiánzase en Asia-Pacífico e consolida a súa expansión globla ao operar nos 5 continentes

Tras a súa entrada en 35 países, o grupo enerxético español avalía acceder a novos mercados

O Grupo Reganosa continúa reforzando a súa presenza global cun novo fito na súa traxectoria de expansión global. Tras un proceso de selección internacional, foi elixido por Squadron Energy, líder en enerxías renovables en Australia, para levar a cabo a operación e o mantemento da parte terrestre da terminal de gas natural licuado (GNL) de Port Kembla, en Nova Gales do Sur. O contrato, que acaba de ser asinado, marca a chegada de Reganosa a Oceanía, permítelle completar a súa presenza nos 5 continentes e afianza o seu rol na área de Asia-Pacífico. Australia súmase a outros países como Bangladesh, China, Filipinas Hong Kong, India, Xordania, Kuwait, Malaisia, Timor Oriental e Vietnam.

No último ano, a empresa deu pasos decisivos para consolidar a súa presenza no sector enerxético da rexión, abordando proxectos estratéxicos en mercados clave e demostrando unha capacidade de adaptación e excelencia técnica que a posiciona como socio de referencia na transición enerxética global. Australia, Filipinas e Vietnam, entre outros, convertéronse en piares fundamentais desta estratexia rexional.

Servizos escalables de rápido despregamento

Reganosa, de cuxa constitución se cumpriron 25 anos en 2024, leva un decenio operando por todo o mundo e fortalecendo as súas capacidades para acompañar e apoiar aos seus clientes en todas as fases dos proxectos. O seu modelo flexible de operación constitúe unha fórmula coa que logrou dar resposta a todo tipo de necesidades dos clientes en distintas rexións e contextos.

Reganosa acaba de asinar o contrato de operación e mantemento da parte terrestre da terminal FSRU de Port Kembla, desenvolta por Squadron Energy. Este proxecto constitúe non só o seu primeiro contrato en Australia, senón tamén unha referencia de primeiro nivel no segmento de terminais flotantes, un mercado en pleno crecemento. O contrato, cunha duración inicial de cinco anos e posibilidade de ampliarse ata oito, inclúe traballos de preservación, operación e mantemento da terminal terrestre, e adáptase á estacionalidade da demanda enerxética do país, permitindo a desconexión temporal da FSRU e mantido a instalación en estado óptimo para a súa reactivación.

Desde fai catro anos, Reganosa mantén unha presenza estable en Filipinas, apoiando o desenvolvemento de infraestrutura enerxética no país. Entre outros proxectos, mantén unha colaboración sólida asesorando na operación e mantemento dunha terminal FSRU.

Desde abril de 2025, Reganosa apoia na posta en marcha dunha terminal de GNL no sur de Vietnam. A instalación é clave para a seguridade enerxética do país e para a integración de novas fontes de gas no seu matriz enerxética.

Os proxectos executados por Reganosa en Australia, Filipinas e Vietnam demostran a capacidade da compañía para construír relacións de longo prazo, adaptando os seus servizos ás necesidades locais e consolidando unha rede de operacións que se estende desde o sueste asiático ata Oceanía, prestando servizos de consultoría, xestión de proxectos e operación e mantemento.

Sobre Reganosa

Reganosa é unha enerxética global de matriz española centrada en mellorar o benestar da sociedade e a competitividade das empresas, principalmente a través de infraestruturas e solucións enerxéticas sostibles económica, social e medioambientalmente. A compañía intégrase nun grupo que opera ou tutela activos básicos para a seguridade da subministración nos cinco continentes; é referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas; é propietaria e operadora da terminal de gas natural licuado de Galicia (en Mugardos, A Coruña); e posúe un 25 % do Musel E-Hub, en Gijón (Asturias). Ademais, promove proxectos de almacenamento enerxético, renovables, economía circular, hidróxeno verde, eficiencia enerxética e dixitalización.