Talento
Reganosa03122025

Squadron Energy escolle a Reganosa para operar e manter un novoterminal de GNL en Australia

Tras un proceso de selección internacional, Reganosa Servicios foi elixida por Squadron Energy –a empresa líder en enerxías renovables de Australia– para realizar a operación e mantemento da parte terrestre do terminal enerxético de Port Kembla, no estado australiano de Nova Gales do Sur. O contrato, o primeiro da multinacional galega en Oceanía, terá unha duración inicial de cinco anos, con opción de prórroga por parte de Squadron Energy por outros tres.

A planta, considerada un modelo de primeiro nivel en terminais flotantes de almacenamento e regasificación (FSRU), conectarase á rede de transporte para cubrir ata un 70 % da demanda do mercado do leste do país e atender os picos de consumo.

A FSRU pode almacenar 170.000 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL) e o terminal ten unha capacidade de regasificación de 130 PJs (petajulios) ao ano, o que equivale a un máximo de 3,61 bcma (miles de millóns de metros cúbicos anuais) ou 36.000 GWh. O obxectivo desta infraestrutura estratéxica é apoiar a subministración de gas nacional, reforzar a seguridade de subministración e apoiar a transición enerxética do país.

O proxecto que Squadron Energy lle confiou a Reganosa Servicios supón a xestión integral das instalacións terrestres do complexo: estación de medida, sala de control, sistemas auxiliares e equipos asociados a atracada e transferencia de gas. O terminal está conectado mediante un gasoduto de 12 quilómetros e 18 polgadas de diámetro.

Este acordo consolida o terminal de regasificación de Port Kembla como a mellor solución á inminente escaseza de gas na costa leste de Australia. Esta alianza con Reganosa supón un fito importante para o futuro enerxético do país. Ao unir a experiencia global e o compromiso local, garantízase unha subministración de gas fiable para o mercado oriental, ao tempo que quedan sentadas as bases para un sistema enerxético flexible, competitivo e sostible.

Para Reganosa, a experiencia acumulada en Asia e a flexibilidade do seu modelo operativo foron factores clave para entrar no mercado australiano e dar soporte a Squadron Energy, reforzando así a súa estratexia de expansión rexional. Deste xeito, a compañía contribuirá a reforzar a seguridade de subministración na zona e verá consolidado o seu rol de referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas.

Sobre Squadron Energy

Squadron Energy é a empresa líder en enerxía renovable de Australia que desenvolve, opera e posúe activos de enerxía renovable no país. É unha empresa 100 % australiana e está comprometida con deixar un legado duradeiro nas comunidades onde opera. Conta con 2 xigavatios (GW) de enerxía renovable en funcionamento e en construción.

Sobre Reganosa

Reganosa é unha enerxética global de matriz española centrada en mellorar o benestar da sociedade e a competitividade das empresas, principalmente a través de infraestruturas e solucións enerxéticas sostibles económica, social e medioambientalmente. A compañía intégrase nun grupo que opera ou tutela activos básicos para a seguridade da subministración nos cinco continentes; é referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas; é propietaria e operadora da terminal de gas natural licuado de Galicia (en Mugardos, A Coruña); e posúe un 25 % do Musel E-Hub, en Xixón (Asturias). Ademais, promove proxectos de almacenamento enerxético, renovables, economía circular, hidróxeno verde, eficiencia enerxética e dixitalización.