A venda inclúe tres centrais hidroeléctricas en Aragón, cunha potencia instalada conxunta de 19 MW
O Grupo Reganosa alcanzou un acordo con Plenium Partners, xestor do vehículo de investimento alternativo Helia II, FCR, e o seu socio Bankinter Investment SGEIC, para adquirir o 99,88 % do capital de Saltos do Cinca, S.A. Esta firma é propietaria de tres centrais hidroeléctricas en Aragón e presta servizos de operación e mantemento no ámbito da enerxía hidráulica. A operación marca a entrada de Reganosa na xeración renovable con activos propios.
O portfolio inclúe as centrais Arias I, Arias II e Ariéstolas, que conforman o sistema hidroeléctrico Saltos do Cinca, situado na provincia de Huesca. En conxunto, suman case 19 MW de potencia instalada, distribuída de forma practicamente homoxénea entre as tres instalacións e son soportadas por un equipo propio de persoal de mantemento e operación das centrais.
Con esta operación, Reganosa avanza na diversificación da súa actividade, reforza o seu posicionamento na transición enerxética e engade á súa carteira activos renovables complementarios aos proxectos que xa desenvolve neste ámbito. Así mesmo, a incorporación de xeración hidroeléctrica permitirá integrar unha fonte renovable e competitiva nos consumos enerxéticos do grupo, mellorar a súa rendibilidade e ampliar as súas capacidades técnicas e de prestación de servizos a terceiros, tanto no mercado nacional como no internacional.
Sobre Plenium Partners
Fundada en 2007 e con sede en Madrid, Plenium Partners é unha firma de investimento especializado en enerxía e infraestruturas sostibles en Europa. A compañía acumula a día de hoxe un investimento superior a 7.500 millóns de euros, amplamente diversificada no ámbito das infraestruturas sostibles, incluíndo redes de calefacción urbana, biometano, solucións de autoconsumo e xeración distribuída, residencias de estudantes, xestión e reciclaxe de residuos, así como outros activos de infraestrutura.
Sobre Bankinter Investment
No últimos nove anos, Bankinter Investment lanzou con éxito 31 vehículos de investimento alternativo, cun capital comprometido polos investidores que supera os 5.200 millóns de euros, o que, incluíndo o financiamento de proxectos, representa actualmente unha carteira de activos baixo xestión que supera os 7.400 millóns de euros.
O impulso cara aos vehículos de investimento alternativos, nos que Bankinter Investment é un referente en España e Portugal, xa permitiu a máis de 14.700 investidores españois e portugueses coinvertir con Bankinter Investment e os seus socios, co claro obxectivo de promover o aforro financeiro a longo prazo, diversificar en activos reais, optimizar a relación risco-rendibilidade e xerar valor duradeiro para a sociedade. Para a xestión de activos, Bankinter Investment seguiu, en todos os seus vehículos, o modelo de asociarse, en exclusiva, cun socio experto en cada segmento de investimento, como enerxías renovables, sustentabilidade, residencias de estudantes, sector hostaleiro, loxística inmobiliaria, infraestruturas, tecnoloxía, superficies comerciais, residencial e capital risco.
Sobre Reganosa
Reganosa é unha enerxética global de matriz española centrada en mellorar o benestar da sociedade e a competitividade das empresas, principalmente a través de infraestruturas e solucións enerxéticas sostibles económica, social e medioambientalmente. A compañía intégrase nun grupo con presenza en 35 países e que opera ou tutela activos básicos para a seguridade da subministración nos cinco continentes; é referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas; é propietaria e operadora da terminal de gas natural licuado de Galicia (en Mugardos, A Coruña); e posúe un 25 % do Musel E-Hub, en Xixón (Asturias). Ademais, promove proxectos de almacenamento enerxético, renovables, economía circular, hidróxeno verde, eficiencia enerxética e dixitalización. Con esta adquisición, que é complementaria de todas as iniciativas anteriores, estréase na xeración hidráulica.


