Talento
Reganosa03122025

Chegou o momento: o noso primeiro contrato en Oceanía

Chegou o momento: o noso primeiro contrato en Oceanía. Podemos anuncialo hoxe, en comunicación conxunta con Squadron Energy. A líder australiana en renovables adxudicounos, tras un proceso de selección internacional, a operación e mantemento dun novo terminal de GNL preto de Sídney. Desta maneira, a expansión global do Grupo Reganosa, iniciada en 2015, alcanza os cinco continentes. 

Con este encargo, faremos o O&M da parte terrestre da regasificadora de Port Kembla, en Nova Gales do Sur. O compromiso terá unha duración inicial de cinco anos, con opción de prórroga por outros tres.

A instalación, un modelo de primeiro nivel en terminais flotantes (FSRU), conectarase á rede de transporte para cubrir ata un 70 % da demanda do mercado do leste do país e atender os picos de consumo. Pode almacenar 170.000 metros cúbicos de gas natural licuado e ten unha capacidade máxima equivalente a 36.000 GWh anuais. O obxectivo desta infraestrutura estratéxica é apoiar a distribución de gas nacional, reforzar a seguridade de subministración e apoiar a transición enerxética do país.

A experiencia acumulada en Asia e a flexibilidade do noso modelo operativo foron factores clave para lograr esta entrada no mercado australiano. Desta maneira, vemos consolidado o noso rol de referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas.

Podes ler máis aquí.