Talento
3. HOME. Crear una nueva diapositiva en el slider que sea para nuestras infraestructuras

A Terminal de Enerxía de Mugardos xa está preparada para subministrar bioGNL a barcos e cisternas

A Terminal de Enerxía de Mugardos, propiedade do Grupo Reganosa, ofrece un novo servizo de abastecemento de bioGNL que permite realizar cargas deste combustible descarbonizado a buques e camións cisterna.

Este servizo favorece que a terminal de Mugardos reforce a súa participación na descarbonización do sector, adaptando procesos e consolidando o seu papel como infraestrutura clave na transición enerxética.

“O bioGNL é, sen dúbida, unha alternativa real e eficaz para avanzar cara a neutralidade climática e cumprir cos obxectivos marcados pola normativa FuelEU Maritime, que esixe a redución progresiva da intensidade de gases de efecto invernadoiro dos combustibles mariños. O bioGNL é un dos combustibles renovables recoñecidos para cumprir estes obxectivos e permite reducir ata un 92 % as emisións netas de CO? respecto ao fuelóleo pesado, o combustible tradicional no sector marítimo”, explica Nuria Rivas, responsable da Terminal de Enerxía de Mugardos.

A instalación obtivo a International Sustainability and Carbon Certification da Unión Europea (ISCC EU) que verifica que o gas natural licuado cargado en camións cisterna ou buques pode proceder, total ou parcialmente, de fontes renovables e sostibles grazas a un sistema de rastrexabilidade e certificados de sustentabilidade. Este novo servizo cumpre con todos os criterios ambientais, sociais e de rastrexabilidade establecidos pola ISCC EU e a Comisión Europea.

A incorporación de servizos como a subministración de bioGNL é unha das vías nas que a terminal traballa para reforzar a sustentabilidade da súa actividade a longo prazo, xa que é un gas renovable que se obtén a partir de residuos orgánicos e que posteriormente se licua para reducir o seu volume e facilitar o seu almacenamento e transporte.

O bioGNL e o GNL son 100 % compatibles porque ambos teñen practicamente a mesma composición química e as mesmas propiedades físicas cando están licuados. Isto fai que poidan almacenarse, manipularse e regasificarse nas mesmas instalacións, sen necesidade de modificacións técnicas. Ademais, o gas obtido é equivalente e pode inxectarse indistintamente na rede de gas natural.

No contexto actual, o gas natural licuado (GNL) consolidouse como un combustible clave tanto na propia operativa da terminal como no transporte marítimo e terrestre, ao ofrecer unha alternativa máis eficiente e con menores emisións fronte aos combustibles convencionais.