ReganosaIMG25062026

Marcos López asume a presidencia do Grupo Reganosa tras concluír o mandato de Roberto Tojeiro

Marcos López asume a presidencia do Grupo Reganosa en substitución de Roberto Tojeiro, quen deixa o cargo tras cumprir o seu compromiso e todos os obxectivos do seu mandato ponte. O presidente saínte continuará formando parte do consello de administración da compañía, ao que o entrante xa pertence desde 2010.

Cando Roberto Tojeiro accedeu á presidencia de Reganosa, en 2023, impulsou unha folla de ruta trianual e fixouse a meta de profundar, sobre bases sólidas, na ampliación e diversificación da sociedade. Hoxe a empresa é un 46 % máis internacional que entón, despexou ameazas regulatorias, decantou actividades e adaptou á contorna a súa estrutura e gobernanza.

Durante o período 2023-2026, Reganosa engadiu Australia e outros dez países á lista de estados onde operou infraestruturas ou ben prestado servizos, de xeito que agora suman 35 nacións nos cinco continentes.

Os investimentos do grupo nese tempo alcanzaron os 157 millóns de euros, destacando a adquisición dun 25 % de Musel E-Hub, a incorporación a Reganosa Holdco do 15 % de Regasificadora do Noroeste S. A. que posuía Sojitz, a compra de Saltos do Cinca a Plenium Partnerts e Bankinter, e a instalación do compresor de BOG (boil off gas) na terminal de Mugardos, obra que permitiu ao sistema gasista español avanzar en seguridade de subministración, independencia enerxética e sustentabilidade ambiental.

Ao longo desta presidencia, Reganosa desenvolveu e actualizou os seus proxectos renovables, á vez que consolidou o novo hub enerxético do noroeste peninsular, con polos en Mugardos e Gijón. Así mesmo, incorporou o servizo de subministración de bioGNL a barcos e cisternas. Tamén entrou no segmento da xeración enerxética verde con activos propios.

Ademais, na etapa que agora culmina, a compañía evolucionou as súas capacidades dixitais, lanzou unha plataforma 360 de eficiencia enerxética para industrias e fogares (OIIO), renovou dous terzos do seu equipo directivo e impulsou xunto a dss+ (antiga Dupont) un plan de transformación da seguridade.

O intervalo 2023-2026 tamén veu marcado polo aval definitivo do Tribunal Supremo á tramitación administrativa da Terminal de Enerxía de Mugardos, unha infraestrutura cuxo project finance acaba de quedar amortizado por completo.

Deste período lembrarase así mesmo a celebración do vixésimo quinto aniversario da sociedade , que en 2024 serviu para poñer en valor algunhas das achegas de Reganosa a Galicia: favorecer a entrada á comunidade autónoma en condicións vantaxosas de 350 teravatios hora de enerxía, achegar ao porto de Ferrol o seu primeiro tráfico, contribuír con 118 millóns de euros en impostos e taxas, posibilitar o despregamento das renovables e o funcionamento dos ciclos combinados, garantir a seguridade da subministración, facilitar a vida ás familias, operar medio milleiro de barcos e 70.000 camións cisterna, e apuntalar a competitividade de empresas onde traballan 15.000 persoas.

Durante esta presidencia marcada de fitos, Roberto Tojeiro fixo tándem co director xeneral de Reganosa, Rodrigo Díaz, quen agora fará equipo con Marcos López, reforzando así a garantía de continuidade no proxecto.

Sobre Marcos López

O sétimo presidente na historia de Reganosa coñece a compañía ao detalle. De feito, está vinculado a ela desde a súa orixe e é o conselleiro con maior antigüidade, tras Roberto Tojeiro. Desde 2020, ademais, pertence ao comité executivo do holding e encabeza a Comisión de Nomeamentos e Retribucións do consello.

Marcos López (A Coruña, 1962) atesoura unha ampla traxectoria principalmente enfocada en planificación estratéxica, desenvolvemento corporativo e banca de inversións. Non en balde, entre 1999 e 2025 foi director de Mercado de Capitais de Inditex, mentres que nos dez anos anteriores desenvolvera a súa carreira no sector financeiro en First National Bank of Chicago, Research Associates e a Sociedade de Valores e Bolsa do Banco Bilbao Vizcaya, con operacións relevantes en Endesa, EDP, Repsol, Rede Eléctrica Española e Iberdrola, entre outros.

O presidente entrante obtivo un MBA pola IE University Business School (Madrid) e é licenciado en Dereito pola Universidade de Alcalá. Así mesmo, realizou cursos de posgrao sobre regulación e operación de sistemas eléctricos na École Polytechnique Fédérale de Lausanne (Suíza). Tamén participou como organizador e relator nos encontros do sector enerxético de IESE Business School.

Sobre Reganosa

Reganosa é unha enerxética global de matriz galega centrada en mellorar o benestar da sociedade e a competitividade das empresas, principalmente a través de infraestruturas e solucións enerxéticas sostibles económica, social e medioambientalmente. O grupo conta con presenza en 35 países e opera ou tutela activos básicos para a seguridade da subministración nos cinco continentes; é referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas; é propietario e operador da terminal de gas natural licuado de Galicia (en Mugardos, A Coruña); e posúe un 25 % do Musel E-Hub, en Gijón (Asturias). Tamén é propietaria de Saltos do Cinca, tres centrais hidroeléctricas en Aragón. Ademais, promove proxectos de almacenamento enerxético, renovables, economía circular, hidróxeno verde, eficiencia enerxética e dixitalización.