UNHA CADEA LOXÍSTICA EFICIENTE É IMPRESCINDIBLE PARA IMPULSAR O AVANCE DO GAS NATURAL COMO COMBUSTIBLE PARA O TRANSPORTE

03/07 2017

UNHA CADEA LOXÍSTICA EFICIENTE É IMPRESCINDIBLE PARA IMPULSAR O AVANCE DO GAS NATURAL COMO COMBUSTIBLE PARA O TRANSPORTE

  • Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa, participa na xornada de apertura do V Congreso Gasnam, en Madrid
  • O esforzo de modernización converterá ás actuais terminais de GNL en centros loxísticos

Unha cadea loxística eficiente é a clave para impulsar o avance do gas natural como combustible para o transporte. Para iso cada un dos actores implicados debe afrontar o reto de traballar coordinadamente para facer competitiva a súa parte da cadea. Así o sinalou esta mañá o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, durante a súa intervención no V Congreso de Gasnam, que se celebra en Madrid baixo o lema "O gas natural garante a calidade do aire".

Como exemplo da colaboración entre actores, Emilio Bruquetas apuntou ao traballo que realizan as asociacións sectoriais, como Gasnam, e ao programa europeo CORE LNGas Hive, que agrupa a máis de corenta empresas e organismos públicos, entre os que se atopa Reganosa, traballando xuntos no desenvolvemento dunha cadea loxística integrada, segura e eficiente na península ibérica.

O director xeral de Reganosa tamén indicou a necesidade por parte das empresas xestoras de infraestruturas de facer un esforzo de modernización co obxectivo de converter as actuais terminais de GNL en auténticos centros loxísticos, na liña doutras europeas. Neste sentido, Emilio Bruquetas destacou que a maior parte do camiño está percorrido, tan só se precisa un último pulo para completar ese 5 % que faltaría por desenvolver. Este desenvolvemento loxístico debe ir sempre acompañado dunha adecuada política de prezos que sitúe o gas natural a un nivel competitivo.

Entre as actuacións levadas a cabo por Reganosa para o impulso do gas natural como combustible para o transporte, Emilio Bruquetas lembrou o traballo que a súa empresa realizou nos últimos anos para coñecer as necesidades reais dos armadores e as flotas, así como para desenvolver as infraestruturas suficientes para que o GNL estea dispoñible alí onde o necesiten.

Emilio Bruquetas participou na mesa redonda "A mobilidade con gas natural xa é unha realidade", xunto a representantes de empresas do sector gasísta como Gaetano de Astis, director xeral de Iveco España, Claudio Rodríguez, director xeral de Infraestruturas de Enagás, Nuria Rodríguez, directora de Negocio de Distribución Gas España de Gas Natural Fenosa, e Luís Moura, administrador de Galp Gas Natural.

O V Congreso de Gasnam, a Asociación Ibérica de Gas Natural para a Mobilidade, celébrase durante o 7 e 8 de marzo en Madrid. Na sesión inaugural contou coa presenza de Begoña Cristeto Blasco, secretaria xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, do Ministerio de Economía, Joaquín del Moral, director xeral de Transporte Terrestre, do Ministerio de Fomento, e Francisco Javier Cachón, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, entre outras personalidades.

Mañá o congreso continúa con diversos relatorios e mesas redondas sobre o gas natural como solución real ao problema da calidade do aire nas nosas cidades, así como en torno ao concepto das “emisións case cero” ou os novos proxectos europeos presentados desde España e Portugal referentes ao gas natural na mobilidade. No programa figura a presentación do buque de fornezo de gas natural licuado a pequena escala, deseñado pola Xunta e Reganosa, e unha mesa redonda sobre "Iniciativas, desenvolvementos e realidades de proxectos con gas natural licuado", que será moderada polo director de Desenvolvemento de Reganosa, Rodrigo Díaz Ibarra.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF