A TERMINAL DE MUGARDOS RECIBIU ONTE O BUQUE MÁIS PEQUENO DOS QUE AMARRARON NO SEU PEIRAO

06/17 2019

A TERMINAL DE MUGARDOS RECIBIU ONTE O BUQUE MÁIS PEQUENO DOS QUE AMARRARON NO SEU PEIRAO

A terminal de Reganosa en Mugardos recibiu onte o buque máis pequeno de cantos amarraron no seu peirao. Trátase do Coral Fungia, un barco de só 137 metros de eslora que descargou os 9.500 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL) procedentes da planta de licuefacción de Cryogas en Vysotsk, na costa báltica de Rusia. Esta operación serve para avanzar na actividade a pequena escala, na que se espera un grande incremento coa implantación do GNL como combustible para a navegación.

O Coral Fungia ten un peso morto de 10.441 toneladas. Ademais de servir a plantas convencionais como a de Mugardos, o buque está preparado para transportar cantidades menores de GNL a pequenas plantas instaladas en portos, así como para fornecer combustible directamente a outro barco. Para iso conta con dobre manifold (conector de carga e descarga) a distinta altura.

A planta de licuefacción da que procede o Coral Fungia iniciou as súas exportacións recentemente, o pasado abril. Tamén é pequena, cunha capacidade de 640.000 toneladas de GNL ao ano, porque o seu propietario, a compañía Novatek, puxo o obxectivo no abastecemento de combustible ás distintas flotas que surcarán o Báltico, un mar no que se estableceron limitacións para a emisión de gases de efecto invernadoiro por parte dos buques que navegan por el. Por iso é polo que ao GNL augúraselle unha gran demanda na zona, onde igualmente crecerán as plantas satélite portuarias.

En consonancia coa evolución do sector, Reganosa está avanzando no seu proxecto de adaptar o seu peirao ao tráfico a pequena escala, co que se dotará de conexións idóneas para recibir ou fornecer GNL a metaneros pequenos que poidan dedicarse ao abastecemento de plantas satélite portuarias ou de buques que utilicen ese combustible para navegar.

Nota de Prensa en Word

Nota de Prensa en PDF