REGANOSA TESTARÁ NOVAS TECNOLOXÍAS DE PRODUCIÓN E ALMACENAMENTO DE HIDRÓXENO VERDE EN ESPAÑA

02/04 2022

REGANOSA TESTARÁ NOVAS TECNOLOXÍAS DE PRODUCIÓN E ALMACENAMENTO DE HIDRÓXENO VERDE EN ESPAÑA

Dentro dun consorcio de grandes empresas dos sectores da enerxía e do medio ambiente, a compañía desenvolverá unha ferramenta dixital de apoio á fabricación de H2 mediante a valorización de residuos

 

Reganosa testará novas tecnoloxías de produción e almacenamento de hidróxeno (H2) verde en España. Xunto ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) e dentro dun consorcio de grandes empresas do sector, a multinacional galega da enerxía desenvolverá unha ferramenta dixital de apoio á fabricación de H2 mediante a valorización de residuos. Así o anunciou esta mañá a responsable do departamento de Dixitalización de Reganosa, Rocío Vega, durante unha xornada técnica sobre transición enerxética organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no marco da feira Enerxética2022, a cal está tendo lugar en Silleda (Pontevedra).

Cun orzamento de 7,89 millóns de euros, o consorcio Zeppelin buscará ata finais de 2024 solucións tecnolóxicas innovadoras, eficientes e circulares para a produción e almacenamento de hidróxeno verde. Ademais de Reganosa, este grupo confórmano firmas líderes dos diferentes elos da cadea de valor do H2: Naturgy, Norvento, Perseo, Redexis, Técnicas Reunidas, Repsol e Aqualia, que exerce o rol de líder. Tamén se integran nesta alianza o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), coordinador da oficina técnica do proxecto, e outros sete organismos de investigación altamente especializados Cidaut, Ciemat, EnergyLab, Imdea Energía, ITQ, o equipo de enxeñaría química e tecnoloxía do medio ambiente da Universidade de Valladolid e o Itmati, integrado no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga).

O consorcio fixouse os obxectivos de investigar un conxunto de novas tecnoloxías de produción de hidróxeno verde alternativas á electrólise e que fomenten a economía circular mediante a valorización de residuos e subprodutos de diferentes sectores: agroalimentarios, téxtiles, de refinerías, de estacións de depuración de augas... Tamén se desenvolverán novos materiais de almacenamento de H2 e ferramentas de modelización das diferentes tecnoloxías desenvoltas. Todo iso aliñado co obxectivo de reducir os custos enerxéticos, económicos e ambientais asociados á produción actual de hidróxeno, e impulsar unha enerxía segura, eficiente e limpa.

Actualmente, só un 1 % do H2 producido no mundo provén de fontes renovables, porcentaxe que a Folla de Ruta Española do Hidróxeno quere elevar ata o 25 % no 2030 para o caso do consumo da industria. O citado documento tamén prevé que para esas alturas o H2 verde comece a impulsar trens, avións e outros vehículos.

A produción de hidróxeno empregando as tecnoloxías Zeppelin ofrecerá a España un potencial de xeración anual de H2 verde circular de arredor de 135.000 toneladas, suficientes para que a industria española cumpra cos obxectivos marcados na folla de ruta referida ou para satisfacer as necesidades enerxéticas da totalidade da rede ferroviaria española. Ademais, contribuirá ás políticas e obxectivos no ámbito da economía circular, ao revalorizar máis de 99 millóns de toneladas de residuos e 50 de augas residuais municipais.

Desde un punto de vista socioeconómico, Zeppelin non só proporcionará novas ferramentas tecnolóxicas ao sector enerxético e de mobilidade Tamén incentivará a actividade económica e de emprego cualificado en zonas rurais. Neses lugares creará novos nichos de mercado revalorizando residuos ligados aos sectores primario e alimentario como materia prima para o sector enerxético.

 

Un consorcio líder que abarca toda a cadea de valor do hidróxeno

O proxecto Zeppelin está formado por un consorcio de empresas españolas líderes a nivel nacional e internacional, cunha importante posición comercial e tecnolóxica en toda a cadea de valor do hidróxeno. Aqualia, un dos actores máis importantes a nivel mundial do sector da auga, desenvolverá procesos de reformado en seco do excedente de biogás e a fermentación escura e a electrólise microbiana a partir de lodos de EDAR e augas residuais. Naturgy investigará a obtención de syngas mediante tecnoloxías de gasificación e a separación de hidróxeno para alcanzar H2 apto para o seu uso. Norvento afondará en tecnoloxías de fermentación escura e procesos de purificación do hidróxeno. Perseo será a compañía encargada de investigar tecnoloxías de reformado húmido do bioetanol producido. Redexis fará o propio con procesos de almacenamento de hidróxeno verde en forma de amoníaco. Técnicas Reunidas investigará a produción de syngas mediante reformado seco de biogás e reformado húmido de bioetanol, a optimización de produción de hidróxeno en gasificación, e a purificación e captura do dióxido de carbono. Repsol avanzará na produción de biohidróxeno mediante tecnoloxías de fermentación escura e a produción de syngas mediante técnicas de reformado húmido de bioetanol.

Reganosa, pola súa parte, cumprirá un dobre rol dentro do consorcio. Por unha parte, investigará a obtención de novos materiais poliméricos porosos de almacenamento de H2 mediante procesos medioambientalmente sostibles. Por outra, estudiará novos modelos matemáticos asociados ás tecnoloxías que os seus socios neste consorcio implementen para producir e almacenar hidróxeno. Con esta información desenvolverá unha ferramenta válida para testar, a través de xemelos dixitais, os procesos baixo o paraugas de Zeppelin.

Esta ferramenta proporcionará as características e localización das tecnoloxías óptimas que traten residuos para producir hidróxeno verde, tendo en conta a loxística, os custos e a pegada enerxética. Ademais, obterase a cantidade de H2 e monóxido de carbono xerado, podendo seguirse desde onde se produciu. Axudará, polo tanto, na implantación efectiva dos avances que se descubran.

Reganosa aplicará neste reto o coñecemento adquirido ao longo dos últimos anos no desenvolvemento de ferramentas dixitais de alto valor engadido para o sector enerxético, como a xa operativa Ganeso. A labor en Zeppelin inscríbese tamén na política estratéxica da compañía de favorecer unha transición verde, dixital, xusta e inclusiva.

Zeppelin conta co apoio de entidades de relevancia, tanto públicas como privadas, que consideran de máximo interese esta iniciativa: a Axencia Galega de Innovación (Gain), a Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras, o Concello de Alxeciras, a Axencia Andaluza de Enerxía, a Asociación Española de Biogás (Aebig), a Asociación Española de Hidróxeno (AeH2), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), o Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Gasnam, a Plataforma Tecnolóxica de Materiais Avanzados e Nanomateriais (Materplat), Sedigas e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec).

Este proxecto foi subvencionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), no marco da convocatoria 2021 do programa Misións Ciencia e Innovación (Plan de Recuperación, Transformación e Reisliencia), e conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación. A axuda outorgada ao proxecto dispón de financiación da Unión Europea a través do fondo Next GenerationEU.