A PRIMEIRA GRAN PLANTA DE HIDRÓXENO VERDE DE GALICIA INICIA A SÚA TRAMITACIÓN

05/06 2022

A PRIMEIRA GRAN PLANTA DE HIDRÓXENO VERDE DE GALICIA INICIA A SÚA TRAMITACIÓN

Despois de dous anos e medio de traballos previos, a primeira gran planta de hidróxeno (H2) verde de Galicia inicia este mes a súa tramitación administrativa e medioambiental. Trátase dunha instalación de produción mediante electrólise utilizando a auga do lago de As Pontes (A Coruña) e novas fontes de enerxía limpa. Promóvea Reganosa conxuntamente con EDP Renováveis (EDPR).

Esta terminal de elaboración de hidróxeno foi concibida para a súa acometida en fases acumulativas e 20, 30 e 50 megavatios de potencia, para, completado o seu desenvolvemento, alcanzar un global de 100 MW. Cunha capacidade produtiva anual de ata 14.400 toneladas de H2 para distribución por cisterna e inxección a hidroducto, espérase que evite mensualmente a emisión á atmosfera de máis de 12.000 toneladas equivalentes de dióxido de carbono.

A materialización do completo requiría unha superficie inicial de 35.000 metros cadrados. A súa operación e mantemento xeraría 50 empregos directos e 55 indirectos, mentres que na construción intervirán directamente 186 profesionais máis 52 de maneira indirecta. Na contratación de traballadores e provedores terán prioridade os do lugar e, particularmente, aqueles afectados polo cese de actividade na térmica de carbón.

Este proxecto forma parte do Polo para a Transformación de Galicia, articulado pola Xunta de Galicia. Polas súas características, a iniciativa segue a liña dos obxectivos que persegue o EU Green Deal e o programa Next Generation; o Plan Nacional de Enerxía e Clima, a Estratexia Española de Transición Xusta, e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; e o Pacto de Estado por Ferrol, a Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, e a Estratexia Galega de Cambio Climática e Enerxía 2050.

Siemens Energy súmase como socio tecnolóxico

Desde que Reganosa comezou a traballar nel, a finais de 2019, a concepción deste plan acumula 20.000 horas de desenvolvemento nas que se viron involucradas dalgunha maneira 30 empresas e organismos. Entre outras tarefas executas, elaboráronse estudos de viabilidade, análise de mercado, estratexias comerciais, ferramentas dixitais específicas e a enxeñaría conceptual e básica, labor esta última para a cal foron fundamentais os servizos de Inerco. Recentemente incorporouse ao proxecto como socio tecnolóxico Siemens Energy, un referente mundial no sector.

A primeira gran planta de hidróxeno renovable de Galicia forma parta dunha actuación maior e integral que EDPR e Reganosa impulsan co ánimo de converter Ferrolterra en capital da enerxía verde. O plan inclúe tamén un almacenamento enerxético consistente nunha central hidroeléctrica de bombeo e un complexo eólico composto por catro parques con turbinas de última xeración.

A alianza estratéxica de ambas compañías, que integra toda a cadea de valor, é a posta máis ambiciosa realizada ata o momento pola descarbonización da economía en Galicia. Gracias a ela, o entorno dispoñería de acceso continuado a enerxía alcanzable e limpa, o cal constitúe unha fortaleza para a captación e asentamento de industrias estratéxicas, amén de para fomentar a sustentabilidade e competitividade do tecido produtivo.

Sobre Reganosa

Reganosa é a primeira multinacional galega da enerxía. De acordo cos principios de seguridade, eficiencia e flexibilidade, desenvolve unha actividade clave na transformación do modelo enerxético e na mitigación dos efecto do cambio climático. Opera activos básicos para a seguridade do subministro en Europa e África, é líder mundial na xestión de terminais de GNL de terceiro (Ghana, Malta e Italia) e posúe a súa propia en Mugardos, de onde parte tamén a súa rede de gasodutos. Está certificada como xestor da rede de transporte e no último cuadrienio triplicou o seu persoal, así como prestou servizos de diverso tipo en 21 países de catro continentes. Actualmente, ademais deste da planta de hidróxeno verde, tamén desenvolve proxectos de renovables, almacenamento enerxético, dixitalización e economía circular.

Sobre EDP Renewables (EDPR)

EDP Renewables (Euronext: EDPR) é un líder global no sector das enerxías renovables e é cuarto produtor mundial. Coa súa sólida carteira de proxectos, activos de primeira clase e unha capacidade operativa líder no mercado, EDPR mostrou un extraordinario crecemento nos últimos anos, cunha presencia en 26 mercados de Europa, América Latina e do Norte e Asia.

EDPR impulsa o progreso social co seu compromiso coa sustentabilidade e a integración, e as súas políticas centradas nos empregados levárono a figurar no Índice de Igualdade de Xénero de Bloomberg e a ser nomeados Top Employer 2022 en Europa (España, Italia, Francia, Rumanía, Portugal e Polonia) e Brasil, así como Top Workplace 2022 en Estados Unidos.

EDP, principal accionista de EDPR, é unha empresa enerxética global líder en creación de valor, innovación e sustentabilidade. EDP leva 14 anos consecutivos no índice Dow Jones, e recentemente foi recoñecida como a empresa eléctrica máis sostible no índice.