A ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL EUROPEA GLE REÚNESE EN MUGARDOS PARA ANALIZAR O FUTURO DO SECTOR GASISTA

10/05 2016

A ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL EUROPEA GLE REÚNESE EN MUGARDOS PARA ANALIZAR O FUTURO DO SECTOR GASISTA

  • A distribución de GNL a pequena escala, a transparencia do mercado e consolidar o gas natural como o combustible para a “descarbonización”, retos das empresas gasistas europeas
  • Participaron na asemblea directivos de dezaseis plantas que acumulan o 90 % da capacidade de regasificación de Europa

A distribución de gas natural licuado (GNL) a pequena escala, a transparencia do mercado gasista e facer do gas o combustible fósil para a transición cara á xeneralización da enerxía renovable son os tres grandes retos que afrontan as empresas gasistas europeas. Así se puxo de manifesto na reunión plenaria de outono de Gas LNG Europe (GLE), celebrada hoxe na sede de Reganosa, en Mugardos.

Gas LNG Europe (GLE) é unha entidade que representa aos operadores europeos de terminais de gas natural licuado. A asemblea contou coa participación de representantes das dezaseis plantas integradas na organización, que acumulan o 90% da capacidade de regasificación.

A transformación das regasificadoras en centros de distribución de GNL a pequena escala, especialmente para combustible marítimo, é unha liña de traballo na que todas as terminais do continente van operar, e espérase que se constitúa nun factor decisivo para conseguir un transporte marítimo máis limpo grazas á redución de emisións de gases. Tamén espera GLE que o gas natural se consolide como o combustible de transición cara á “descarbonización” e como o combustible de respaldo unha vez que chegue a plena implantación das enerxías renovables. Asemade, os reunidos tamén unificaron criterios para dar maior transparencia ao mercado gasista.

Neste novo marco, o presidente de GLE, Win Groenindijk, sinalou que a marcha do sector cara a esa nova contorna xa comezou, porque “as nosas plantas estanse transformando en centros de distribución de GNL conservando ademais o seu rol convencional, que segue sendo vital para o sistema gasista”.

A elección das instalacións de Reganosa no porto de Ferrol para celebrar a reunión obedece ao interese mostrado polos membros de GLE en coñecelas, xa que se trata dunha planta moi activa nos novos servizos de gas natural licuado, especialmente no desenvolvemento do tráfico a pequena escala ou small scale.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF