O BUQUE DE FORNEZO DE GNL DESEÑADO PARA A XUNTA E REGANOSA PODERÁ OPERAR DESDE O MAR DO NORTE ATA CANARIAS

03/08 2017

O BUQUE DE FORNEZO DE GNL DESEÑADO PARA A XUNTA E REGANOSA PODERÁ OPERAR DESDE O MAR DO NORTE ATA CANARIAS

  • Ghenova Ingeniería presentou no V Congreso de Gasnam un barco de avituallamento con ampla autonomía e manobrabilidade

O buque de fornezo de gas natural licuado (GNL) deseñado por iniciativa de Reganosa e da Xunta de Galicia ten unha autonomía de 1.000 millas, o que lle permitirá un amplo rango xeográfico de actuación, desde as illas Canarias ata o Mar do Norte, sen ter que repostar. Esta característica e outras singularidades foron presentadas hoxe en Madrid por Rafael Calderón, técnico de Ghenova Ingeniería, a compañía que deseñou o barco, no V Congreso de Gasnam, organización empresarial para fomentar o gas natural como combustible do transporte.

Rafael Calderón participou nunha mesa redonda sobre buques de fornezo de gas natural como combustible, moderada por Miguel Anxo Barroso, director de Servizos Enerxéticos Integrais de Endesa, e que contou tamén coa participación de Ainara Martín, do Grupo Suardíaz, e Gloria Etxebarría, do Ente Vasco da Enerxía.

Calderón destacou que o pouco calado do buque e a súa sinxeleza de operación outorgaranlle unha alta manobrabilidade que lle permitirá dar servizo tanto a barcos propulsados a GNL cromo a plantas satélites. O directivo de Ghenova -compañía que en Galicia ten sedes en Ferrol e Vigo- subliñou como solución innovadora a aposta polo emprego de tanques de membrana que, polo seu maior axuste á forma do barco, o seu menor peso e o seu maior límite de enchido permiten máis capacidade de carga de combustible nun barco de menor tamaño.

O deseño respondeu á demanda por parte de Reganosa dunha alta manobrabilidade que lle facilitase o acceso ao maior número de portos. O resultado foi un buque cuxa capacidade (10.000 metros cúbicos de GNL), autonomía e medios de carga permiten que o rango de clientes aos que prover sexa moi amplo. Esto inclúe, xunto a plantas satélites e buques a GNL, as gabarras de fornezo eléctrico alimentadas con gas natural que comezan construírse e implantarse nos portos europeos. De poder contar Ferrol cun barco destas características, a vantaxe competitiva da Autoridade Portuaria sería importante á hora de captar novos tráficos.

O buque foi deseñado dentro do proxecto LNG Hub para converter a Galicia nun nodo de fornezo de GNL do noroeste da Península, que contou coa participación da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Autoridade Portuaria de Ferrol, Navantia e Reganosa. Posteriormente, esta compañía e a Xunta contrataron a Ghenova un deseño de detalle, que hoxe se presentou en Madrid.

Sobre o seu traballo para impulsar o emprego de GNL como combustible, Rafael Calderón sinalou que desde Ghenova intentan dar valor ao GNL ante os armadores, presentándoo como unha solución segura e eficiente ambiental e economicamente.

Iniciativas, desenvolvementos e realidades de proxectos con gas natural licuado

Rodrigo Díaz Ibarra, director de Desenvolvemento de Reganosa, exerceu como moderador na mesa redonda sobre “Iniciativas, desenvolvementos e realidades de proxectos con GNL” que clausurou a sección marítima da segunda e última xornada do V Congreso de Gasnam.

A mesa contou coa participación de Fernando Impuesto, coordinador do proxecto CORE LNGas Hive para o desenvolvemento dunha cadea loxística segura, integrada e eficiente na península ibérica, no que participa Reganosa, xunto a máis de corenta socios institucionais e empresariais. Completaron o panel Panos Mitrou, que expuxo as características do proxecto Poseidón, Jorge Pinto, de DNV GL, que falou sobre o estado de implantación global do GNL como combustible marítimo, e Carolina Remiro, de Bureau Veritas, que se ocupou do fornezo de GNL.

Hoxe clausurouse en Madrid a quinta edición do congreso da Asociación Ibérica de Gas Natural para a Mobilidade, que reuniu a 450 profesionais do sector do transporte e da enerxía. Foron dúas xornadas de relatorios e mesas redondas sobre o presente e o futuro do gas natural como solución ecolóxica e económica para a mobilidade, tanto marítima como terrestre.

Note de prensa en Word

Nota de prensa en PDF