EDPR e o Grupo Reganosa alíanse para converter Ferrolterra en capital da enerxía verde

06/29 2021

EDPR e o Grupo Reganosa alíanse para converter Ferrolterra en capital da enerxía verde

A iniciativa prevé mobilizar un investimento de 780 millóns e crear preto de 400 empregos fixos en labores de operación e mantemento

 

Grazas a esta intervención integral, a zona disporá de acceso continuado a recursos enerxéticos limpos e competitivos, fortaleza chave para captar industrias estratéxicas

 

O proxecto reúne actuacións nos ámbitos do almacenamento, a produción de hidróxeno e a xeración con eólica e hidráulica

 

Nos anos que dure a construción requiriranse máis de 7.000 postos de traballo equivalentes, entre directos e indirectos

 

Alianza estratéxica para converter Ferrolterra na capital da enerxía verde. EDP  Renováveis (EDPR) e Reganosa prevén nas Pontes e sete concellos da contorna a realización de proxectos de xeración e almacenamento limpos por importe de 780 millóns de euros. A execución deses proxectos, que están suxeitos á poxa de capacidade pendente de celebración, requirirá de máis de 7.000 empregos equivalentes, entre directos e indirectos, e o seu mantemento e operación, doutros 400 durante a súa vida operativa. Na contratación de traballadores e provedores priorizaranse os do lugar e, particularmente, aqueles afectados polo cesamento de actividade na térmica de carbón. Grazas a esta intervención integral, a área disporá de acceso continuado a recursos enerxéticos competitivos.

 

A multinacional de matriz portuguesa EDPR e a galega Reganosa promoven conxuntamente unha actuación global en prol dunha economía verde, dixital e inclusiva. O proxecto, que integra toda a cadea de valor, inclúe a construción dunha planta de elaboración de hidróxeno (H2) mediante electrólise (ata 100 MW tras o seu completo desenvolvemento), que utilizará a auga do lago das Pontes e novas fontes de enerxía renovable. Cunha capacidade produtiva anual de ata 14.400 toneladas de H2, espérase que o proxecto xere máis de 300 empregos, directos e indirectos, entre a fase de execución e a de explotación.

 

Na contorna situarase tamén un almacenamento enerxético cunha potencia instalada de xeración de 570  MW. Este almacenamento consistirá nunha central hidroeléctrica de bombeo que empregará como depósito inferior o propio lago, e como superior, un novo encoro que permitirá unha mellor xestión do sistema eléctrico propiciando unha  maximización renovable no  mix enerxético. O almacenamento estará situado entre os núcleos de Castelo e A Esfaparra e está previsto que xere preto de 5.000 empregos, directos e indirectos, considerando tanto os traballos de construción como a futura xestión da planta.

 

Para pechar o proceso, ademais, desenvolverase un complexo eólico composto por catro parques que suman algo máis de 270 MW e que utilizarán turbinas de última xeración. Estes estenderanse polos municipios das Pontes, A Capela, Xermade, Monfero, Valdoviño, Moeche, Cerdido e As Somozas, e xerarán ao redor de 2.500 postos de traballo asociado ás distintas fases do proceso.

 

En suma, case un xigawatt de potencia verde instalada. Trátase da aposta máis ambiciosa realizada ata o momento pola descarbonización da economía en Galicia. Grazas a iso, a contorna dispoñerá de acceso continuado a enerxía competitiva e limpa, o cal constitúe unha fortaleza para a captación e asentamento de industrias estratéxicas, e para fomentar a sustentabilidade e competitividade do tecido produtivo.

 

Polas súas características, esta iniciativa para facer de Ferrolterra a capital da enerxía verde alíñase cos obxectivos que perseguen o  EU Green  Deal e o programa  Next  Generation; a Estratexia de Almacenamento Enerxético, o Plan Nacional de Enerxía e Clima, a Estratexia Española de Transición Xusta, e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; e o Pacto de Estado por Ferrol, a Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

 

Rocío  Sicre, directora xeral de  EDPR España, destaca: “Esta iniciativa dá conta, unha vez máis, da importancia estratéxica que Galicia ten para EDPR desde hai máis de 20 anos. Ademais, é reflexo do positivo impacto das renovables en materia de emprego de calidade, favorecendo a dinamización económica e social da poboación galega. Trátase da aposta de descarbonización da economía máis ambiciosa que se levou a cabo en Galicia ata a data e vai en liña co noso obxectivo de liderar a transición enerxética. Por outra banda, o impulso de Ferrolterra como capital da enerxía verde está aliñado cos obxectivos que se perseguen tanto desde a Unión Europa como desde o Goberno español en materia renovable. O noso compromiso coa transición xusta é total e seguiremos apostando por Galicia como territorio chave para despregar enerxía limpa e verde”.

 

“Hai 14 anos trouxemos o gas a Galicia e agora, con  EDPR, imos traer o hidróxeno; participaremos na configuración dun novo ecosistema enerxético na nosa comunidade”, proclama o director xeral de Reganosa, Emilio  Bruquetas, quen abunda: “Todo o coñecemento e experiencia que adquirimos ao longo destes anos estamos a poñelo agora ao servizo de Galicia, ao servizo dunha recuperación socioeconómica máis rápida, máis sólida e máis xusta. Desta maneira tamén diversificamos a nosa actividade; estamos ante unha nova Reganosa, a enerxética global dos galegos”.

 

Sobre EDP Renewables (EDPR)

 

EDP Renewables (Euronext:  EDPR) é líder mundial no sector das enerxías renovables e o cuarto produtor mundial de enerxía renovable. Cunha sólida carteira de proxectos en desenvolvemento, uns activos da máxima calidade e unha capacidade de explotación líder do mercado, EDPR experimentou un desenvolvemento sobresaínte nos últimos anos e xa está presente en 16 mercados internacionais (Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Francia, Grecia, Italia, México, Polonia, Portugal, Romanía, España, Hungría, Chile, Reino Unido e Estados Unidos). EDPR é unha entidade comprometida cos avances sociais en materia de sustentabilidade e integración. Non en balde forma parte do índice  Bloomberg de Igualdade de Xénero, e ostenta o certificado  Top  Employer 2020 en Europa (España, Italia, Francia, Romanía, Portugal e Reino Unido) e  Top  Workplace 2020 en Estados Unidos, ambos os galardóns como recoñecemento ás súas políticas dirixidas aos seus empregados.

 

Energias de Portugal, S.A. («EDP»), o accionista principal de EDPR, é unha empresa eléctrica internacional líder en creación de valor, innovación e sustentabilidade. EDP foi incluído no índice  Dow Jones  Sustainability 13 anos consecutivos.

 

Sobre Reganosa

 

Reganosa é a primeira multinacional galega da enerxía. De acordo cos principios de seguridade, eficiencia e flexibilidade, desenvolve unha actividade chave na transformación do modelo enerxético e na mitigación dos efectos do cambio climático. Opera activos básicos para a seguridade da subministración en Europa e África, é líder mundial na xestión de terminais de GNL de terceiros (Ghana, Malta e Italia) e posúe a súa propia en Mugardos (A Coruña), de onde parte tamén a súa rede de gasodutos. Está certificada como xestor da rede de transporte e no último cuadrienio triplicou o seu persoal, así como prestou servizos de diverso tipo en 14 países de catro continentes.