MUSEO CALDOVAL

Software Ganeso

LABOR DE CONSERVACIÓN

En outubro de 2014 comezamos a última fase do proxecto para a posta en valor dos restos arqueolóxicos de Caldoval, coa construción dun museo onde expolos. Trátase dunha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, o Concello de Mugardos e a compañía, co obxectivo de pór á disposición do público unha parte relevante do patrimonio histórico da zona.
 
O xacemento romano de Caldoval conta con dous conxuntos diferenciados: por unha banda, distínguese unha canle escavada en roca e unha serie de estancias orientadas á costa, cuxo uso podería estar vinculado a tarefas relacionadas co comercio; por outra, un balneario rural doméstico que conta cunha palestra para a práctica do deporte. Este conxunto estivo en uso entre os séculos I e V despois de Cristo.
 
Os traballos de posta en valor dos restos de Caldoval comprenden a execución simultánea dun centro de interpretación que albergará os restos, a musealización do material arqueolóxico e a urbanización da contorna.
  
Trátase dun edificio, deseñado polo arquitecto Alfonso Penela, no que as ruínas son o actor principal, que se achega á idea dun mausoleo máis que a unha sala de exposicións ao uso. Así, a construción sobria, digna e austera resólvese cunha soa decisión: un muro que, en forma de espiral, o integra todo. A espiral vaise enterrando para devolverlle as ruínas á terra e desta maneira situarse na cota primixenia, ausente de interferencias exteriores. En superficie, o acceso ao museo e uns lucernarios emerxen do edificio e inducen a baixar a través dunha rampla moi suave até os restos. Unha pasarela permite observar as ruínas desde unha posición elevada.
 
Para valorar os restos na súa verdadeira transcendencia, o museo completa a súa presentación con diversas actuacións encamiñadas á comprensión do conxunto histórico. Entre outras, a recreación de certas estancias e proxeccións estereoscópicas que lle permiten ao visitante transportarse ao antigo mundo romano.