A TERMINAL DE GNL DE MUGARDOS SITÚASE COMO A TERCEIRA MÁIS UTILIZADA DO SISTEMA ESPAÑOL

01/15 2020

A TERMINAL DE GNL DE MUGARDOS SITÚASE COMO A TERCEIRA MÁIS UTILIZADA DO SISTEMA ESPAÑOL

  • A planta que Reganosa posúe e opera no porto de Ferrol recibiu en 2019 un 54 % máis de metaneiros que en 2018 e emitiu á rede o equivalente ao consumo eléctrico anual de 3,8 millóns de fogares

A terminal de gas natural licuado de Mugardos, no porto de Ferrol, sube un posto dentro do ránking de utilización do sistema español e, desprazando á de Barcelona, colócase como a terceira máis empregada en termos relativos. Propiedade de Reganosa e tamén operada pola multinacional galega da enerxía, esta planta consolida así o seu rol de activo básico para a seguridade da subministración na península ibérica.

Durante 2019, a terminal de Mugardos recibiu 20 descargas de buques, fronte ás 13 contabilizadas en 2018 e as 12 de 2017. Chegaron aos seus tanques 2.224.676 metros cúbicos de GNL (14.874 xigavatios hora). Ademais, realizáronse en sendos barcos catro operacións de arrefriamento, posta en gas e carga.

Este incremento do tráfico marítimo obtivo reflexo no aumento das labores de regasificación. De xaneiro a decembro, o complexo emitiu á rede un 20,7 % máis que nos 12 meses anteriores: 13.254 xigavatios hora, o equivalente ao consumo eléctrico anual de 3,8 millóns de fogares. Isto significa que o ano pasado, con picos puntuais do 100 %, funcionou a una media do 32 % da súa capacidade máxima. Ese promedio sitúase na media nacional, por debaixo dos rexistrados en Bilbao (76 %) e Huelva (38 %), e por derriba dos medidos en Barcelona (30 %), Sagunto (22 %) e Cartaxena (13 %).

Comportouse tamén favorablemente o mercado da carga de cisternas de GNL. En 2019 aprovisionáronse en Mugardos 4.495 camións deste tipo (86 por semana), o cal representa un avance de 3 puntos porcentuais en comparación con 2018.

En todos estes bos datos influíu o proceso de transición enerxética emprendido por Europa, ao desplazar combustibles como o carbón ou o fuel por GNL, máis competitivo e con menor impacto ambiental, así como a nova orientación atlántica do tráfico de gas natural licuado, con actores destacados en Estados Unidos e Rusia; neste caso, a localización xeográfica da terminal do porto de Ferrol permite minimizar os custes loxísticos. No cualitativo, ademais, Reganosa está logrando afianzar a súa posición no negocio dos servizos de pequena escala, un segmento de gran futuro.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF