SETE TRAIÑEIRAS REUNIRANSE ESTA FIN DE SEMANA EN MUGARDOS PARA DISPUTAR AS BANDEIRAS DE REGANOSA E DO CONCELLO

07/27 2017

SETE TRAIÑEIRAS REUNIRANSE ESTA FIN DE SEMANA EN MUGARDOS PARA DISPUTAR AS BANDEIRAS DE REGANOSA E DO CONCELLO

 

As probas son puntuables para a Liga Galega de Traiñeiras e celebraranse o sábado ás 18.00 horas e o domingo ás 12 horas

 

Mugardos acollerá a próxima fin de semana dúas regatas do calendario da Segunda División da Liga Galega de Traiñeiras, a VII Bandeira Reganosa, que se disputará o sábado, e a II Bandeira Concello de Mugardos, o domingo. Sete tripulacións competirán en augas da ría ferrolá ante un público que se espera moi numeroso, segundo explicou Guillermo Pereira Coto, presidente da entidade organizadora, o Club do Mar de Mugardos.

Esta dobre cita do remo galego foi presentada esta mañá no Concello de Mugardos pola alcaldesa, Pilar Díaz, a concelleira de Deportes, Tania Fernández, o presidente Guillermo Pereira e Tomás Franco, en representación de Reganosa, compañía que patrocina ao Club do Mar e a VII Bandeira Reganosa.

En ambas regatas competirán tripulacións dos clubs de remo de Muros, Cedeira, Vila de Cangas e Virxe da Guía, a Asociación Deportiva Esteirana, o Centro Deportivo Marinero de Mera e o anfitrión de Mugardos. As embarcacións repartiranse en dúas quendas e a distancia a percorrer será de tres millas mariñas (5.556 metros), divididas en catro longos con tres ceavogas. O campo de regatas estará situado ante o peirao mugardés.

A VII Bandeira Reganosa disputarase o sábado a partir das 18 horas, mentres que a regata pola II Bandeira Concello de Mugardos comezará ás 12 horas do domingo. Ambas probas son puntuables para a categoría B da Liga Galega de Traiñeiras.

Segundo a alcaldesa, Pilar Díaz, “esta fin de semana de traíñas é algo moi importante porque Mugardos é un pobo vinculado ao mar. Ademais, significa que a nosa traíña volve a surcar as augas en competición, o que nos aleda moito”. A alcaldesa chamou aos mugardeses a encher o peirao de público porque “o Clube do Mar está moi arraigado en Mugardos, é algo de todos”.

Tomás Franco, representante de Reganosa, destacou a consolidación desta regata, ao alcanzar xa a súa sétima edición. Igualmente subliñou “a gran labor social desenvolvida polo Clube do Mar como unha organización imprescindible para o fomento do deporte afeccionado e as prácticas saudables da mocidade de Mugardos, o que nos importa máis que os éxitos deportivos”. Tamén reiterou a intención de Reganosa de colaborar co Club de Mar e o seu compromiso con Mugardos: “Aínda que cada vez somos unha empresa máis global, nunca se nos esquecerá que somos de aquí e que temos uns vínculos firmes coas persoas deste concello”.

Guillermo Pereira, presidente do Club do Mar, expresou o orgullo da entidade que representa por levar seis anos organizando esta proba e o seu agradecemento polo apoio do Concello e de Reganosa, compañía que fai posible contar cun club de remo na localidade. “Este ano é especial, retomamos a competición con moito interés. Comezamos novo proxecto e esperamos que teña continuidade”, sinalou.

Nota de prensa en word

Nota de prensa en PDF