SEDIGAS, GASNAM E REGANOSA ORGANIZAN DOUS CURSOS SOBRE GAS NATURAL LICUADO ABERTOS A PROFESIONAIS E TITULADOS UNIVERSITARIOS

11/03 2015

SEDIGAS, GASNAM E REGANOSA ORGANIZAN DOUS CURSOS SOBRE GAS NATURAL LICUADO ABERTOS A PROFESIONAIS E TITULADOS UNIVERSITARIOS

Técnicos de empresas ou titulados universitarios que desexen ampliar os seus coñecementos poderán seguir dous cursos sobre gas natural licuado (GNL) que se impartirán nas instalacións de Reganosa en Mugardos organizados por Sedigas, a asociación empresarial española do gas. É a primeira vez que se organizan estes cursos en Galicia, o que ocorre grazas ao interese de Reganosa e á colaboración da asociación Gasnam.

O primeiro dos cursos titúlase “Introdución ao GNL”, e o segundo, “Gas natural vehicular (marítimo e terrestre)”. Serán impartidos en datas consecutivas do próximo novembro para que, si o desexan, os alumnos do primeiro poidan seguir tamén o segundo. O profesorado está formado por profesionais con gran experiencia pertencentes a Sedigas, Gasnam, Reganosa, Enagás, Gas Natural Fenosa, Seat, Cotenaval, e Criogénicas Técnicas Aplicaciones Industriales. Ademais, os alumnos terán ocasión de coñecer en detalle instalacións como a regasificadora de Mugardos, no porto de Ferrol.

O primeiro dos cursos, “Introdución ao GNL”, levarase a cabo do 23 ao 25 de novembro, mentres que o segundo, “Gas natural para a mobilidade (marítimo e terrestre)”, será do 25 ao 27 do mesmo mes, en sesións de mañá e tarde. A matrícula polo primeiro ascende a 1.167,82 euros, mentres que a do segundo fixouse en 926,69 euros. Os socios de Sedigas e Gasnam terán bonificacións, e tamén haberá un prezo especial para quen asista a ambos cursos.

O curso introdutorio foi deseñado para profesionais que utilizan o GNL nas súas empresas, para técnicos incorporados hai pouco ao sector gasista ou para novos titulados universitarios. O segundo resulta de especial interese dado o previsible desenvolvemento que alcanzará o gas natural licuado como combustible para a navegación, o que ten implicacións no propio sector enerxético, na construción naval, no ámbito portuario e entre os armadores.

Sedigas, a organización empresarial Gasnam e Reganosa participan en diversas iniciativas para promover o uso do gas natural licuado como combustible para barcos, de aí o interese en impulsar a mellora da capacitación entre profesionais e titulados.

O detalle do programa e do cadro de profesores, así como outra información está dispoñible en www.sedigas.es.