A REGASIFICADORA DE MUGARDOS REALIZA O SEU CUARTO EXERCICIO DE SEGURIDADE NO QUE VAI DE ANO

12/02 2016

A REGASIFICADORA DE MUGARDOS REALIZA O SEU CUARTO EXERCICIO DE SEGURIDADE NO QUE VAI DE ANO

O persoal de Reganosa dedicou 33 horas por empregado a formación en materia de seguridade durante 2015.

Técnicos de Urxencias do Sergas de Ferrol asisten ao simulacro, no que tamén participan Bombeiros de Ferrol e Protección Civil.​

Reganosa realizou esta mañá na súa planta regasificadora de Mugardos un exercicio de seguridade no que, ademais do persoal de operación, mantemento e seguridade da terminal, interviñeron membros de Bombeiros de Ferrol e Protección Civil. O simulacro forma parte do programa de adestramento anual establecido pola compañía.

O suposto para o exercicio consistiu na detección dunha fuga de gas natural licuado (GNL) nun dos brazos do cargadeiro de cisternas. Para a súa realización mobilizáronse un camión antiincendios dos bombeiros de Ferrol e unha ambulancia. Ademais contouse coa colaboración dun camión cisterna da empresa de transporte de GNL Naftran.

Nesta ocasión asistiron por primeira vez como asesores profesionais do Sergas da área de Ferrol, entidade coa que Reganosa asinou un convenio este verán a través da Fundación Novoa Santos. Mediante este convenio Reganosa dotou de novo equipamento as Aulas de Simulación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e o seu persoal sanitario apoia na formación dos técnicos da planta en seguridade e saúde laboral.

Reganosa ten un programa intensivo de formación co fin de resolver coa maior eficiencia calquera incidencia de seguridade posible na súa operativa habitual. Neste programa participa todo o persoal de todas as áreas, que o pasado 2015 dedicou 33 horas por empregado a formación en materia de seguridade.

Dentro deste programa de prevención é importante a realización periódica de simulacros, coa finalidade de asegurar a operatividade do sistema de seguridade e detectar melloras ou modificacións, que se traducen na implantación de novas tecnoloxías dispoñibles ou novos procedementos.

O exercicio, o cuarto que se levou a cabo este 2016, desenvolveuse satisfactoriamente, sen alterar as actividades ordinarias que se levan a cabo na terminal.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF