REGANOSA RENOVA A SÚA ESTRUTURA E CREA UNHA MULTINACIONAL GALEGA DA ENERXÍA

01/24 2018

REGANOSA RENOVA A SÚA ESTRUTURA E CREA UNHA MULTINACIONAL GALEGA DA ENERXÍA

  • Unha empresa participada pola Xunta e polo Grupo Tojeiro controlará a partir de agora tres sociedades: a que é TSO e propietaria da terminal de GNL do porto de Ferrol e súa rede de gasodutos asociada, unha de prestación de servizos e outra de investimento en activos

  • Os cambios axudarán á corporación a xerar emprego, riqueza e coñecemento, permitiranlle gañar o músculo financeiro necesario para acometer grandes retos en Galicia e afianzarán o seu modelo de expansión internacional

     

Co propósito de progresar no mercado global, os accionistas maioritarios de Reganosa formalizaron a creación dunha multinacional galega da enerxía. Desde este momento, unha matriz con sede en Mugardos, Reganosa Holdco, pasa a xestionar tres sociedades: Regasificadora del Noroeste, que é xestor cualificado da rede de transporte (TSO), opera o seu propio gasoduto e posúe a terminal de GNL do porto de Ferrol; unha para a prestación de servizos, Reganosa Servicios, que xa opera a terminal de GNL de Malta, e outra para o investimento en activos, Reganosa Asset Investments.

Esta nova estrutura do grupo axudará a Reganosa a crear emprego, riqueza e coñecemento, e contribuirá a xerar o músculo financeiro suficiente para acometer grandes retos en Galicia: a constitución do hub de gas natural licuado do noroeste ibérico e a construción dos gasodutos de conexión da comunidade autónoma co resto do sistema gasista. Ademais, permitirá consolidar o seu modelo de expansión internacional a unha corporación que xa vén desenvolvendo diversas actividades en catro continentes, así como a captar e realizar investimentos.

A Xunta de Galicia e o Grupo Tojeiro aportaron á cabeceira do grupo as súas accións en Reganosa. De xeito que estes accionistas, ámbolos dous galegos, se reparten agora o 100 % da matriz do grupo, cuxo capital social ascende a 116 millóns de euros. Reganosa Holdco posuirá á súa vez o 100 % de Reganosa Servicios, a mesma porcentaxe que posúe de Reganosa Asset Investments e, inicialmente, un 75 % de Reganosa. A multinacional xaponesa Sojitz e maila alxeriana Sonatrach conservan nesta última empresa un 15 % e un 10 % das participacións, respectivamente.

“A de Reganosa é unha historia de superación. Naceu para dotar a Galicia das infraestruturas gasistas que lle permitisen o acceso a unha enerxía competitiva. A terminal de GNL galega e a súa rede de gasodutos entraron en operación no ano 2007. En 2014, a compañía obtivo a certificación de xestor da rede de transporte (TSO). Co coñecemento adquirido durante este tempo, creou unha filial de servizos para compartir todo o que aprendera. Agora, con solvencia financeira, por mor de operar nun mundo cada vez máis global e consolidar o seu modelo de expansión, adapta de novo a súa estrutura e pasa a formar parte dun grupo que situará a Galicia no mapa enerxético como xa o está no téxtil, no pesqueiro e no da automoción”. Así explicou a filosofía da operación o director xeral do grupo, Emilio Bruquetas.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF