REGANOSA RECIBE O SEU PRIMEIRO Q-FLEX

04/25 2017

REGANOSA RECIBE O SEU PRIMEIRO Q-FLEX

  • O “Al Utouriya” convértese no gaseiro máis grande en arribar ao porto de Ferrol

Ver vídeo da chegada do primeiro Q-Flex a Reganosa

A terminal de gas natural licuado de Mugardos recibiu hoxe o maior barco de GNL da súa historia, o primeiro do tipo Q-Flex (de 210.000 a 217.000 metros cúbicos de capacidade de carga): o Al Utouriya. Procedente de Ras Laffan, en Catar, o buque chegou esta tarde ás instalacións de Reganosa, que previamente superaran as exhaustivas auditorías de compatibilidade da industria catarí.

Terminada de construír en 2008 por Hyundai Heavy Industries, a nave conta cunha eslora (lonxitude) de 315 metros e unha manga (anchura) de 50. Dotada da máis avanzada tecnoloxía, como o resto das da súa clase, ten unhas necesidades enerxéticas e unhas emisións de carbono un 40 % inferiores ás dos metaneiros convencionais. En comparación con estes últimos, ademais, pode transportar ata un 50 % máis de GNL.

A chegada deste gran buque ten posto de manifesto a versatilidade da terminal ferrolá, capaz de recibir tanto metaneiros de alta capacidade como unidades destinadas ao tráfico a pequena escala (small scale), como o Coral Energy, cuxa carga máxima é de só 15.000 metros cúbicos.

O Al Utouriya fai o buque número 294 na lista dos chegados ás instalacións de Reganosa desde a súa posta en marcha, en 2007.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF