REGANOSA RECIBE O PREMIO AO MELLOR CASO DE ÉXITO DE TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA EN GALICIA 2016

11/17 2016

REGANOSA RECIBE O PREMIO AO MELLOR CASO DE ÉXITO DE TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA EN GALICIA 2016

  • Foi galardoada por Ganeso, aplicación de software desenvolvido coa USC para optimizar a rede de transporte de gas natural

 

Reganosa protagonizou o mellor caso de éxito de transferencia tecnolóxica de 2016 en Galicia. Así o recoñeceron a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación ao outorgarlle á compañía o seu premio anual por este concepto. A entrega oficial do galardón foi realizada esta tarde en Santiago polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas.

Reganosa, empresa dedicada ao transporte e regasificación de gas natural con sede en Mugardos, recibiu o galardón pola súa colaboración co Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, das tres universidades de Galicia, para o desenvolvemento de Ganeso. Esta é unha innovadora ferramenta que permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación recibe 6.000 euros polo seu esforzo no campo da transferencia de tecnoloxía.

O software desenvolvido polos investigadores da USC en colaboración con técnicos de Reganosa dotou á compañía gasista de capacidades especiais no desenvolvemento de infraestructuras, xa que permite analizar cal é o deseño óptimo para operar a rede gasista de modo eficiente e establecer un modelo de transporte de gas en toda España. O equipo de científicos universitarios estivo liderado polos profesores Alfredo Bermúdez de Castro e Julio González.

“Para desenvolver Ganeso combinamos o coñecemento que Reganosa tiña do sistema gasista co coñecemento teórico matemático do máis alto nivel co que contan os investigadores do ITMATI”, explicou Emilio Bruquetas, para quen sería moi difícil atopar no mercado unha combinación similar. Como exemplo do bo funcionamento da súa colaboración sinalou que “continuamos traballando xuntos para incorporar novos módulos que nos permitan mellorar a ferramenta, algúns deles pioneros”.

Ganeso fixo posible que a compañía galega participe na definición do futuro das infraestructuras gasistas españolas e europeas, e converteuse nun activo fundamental para a presenza de Reganosa no mercado internacional, onde asesora en proxectos relacionados coa planificación e posta en marcha de infraestructuras en diversos países.

O director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, sinalou no seu discurso de agradecimiento do galardón que “a transferencia tecnolóxica entre universidade e empresa debe continuar impulsándose, ao amparo dos programas da Xunta de Galicia, convertendo as universidades e os seus centros de investigación no departamento de I+D+i do tecido produtivo galego”.

Tamén agradeceu a Francisco Conde, encargado de entregar o premio, o esforzo que a Consellería de Economía está realizando para lanzar a “industria 4.0”, e lembrou que “o coñecemento e a innovación son factores chave para xerar valor e dar resposta aos desafíos dun mercado cada día máis globalizado, polo que o traballo conxunto de Administración, universidades e empresas será esencial nos próximos anos para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia”.

Os galardóns, creados hai un ano co obxectivo recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, alcanzan así a súa segunda edición. Neste sentido o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, confirmou a vontade de dar continuidade a este certamen.

Nota en Word

Nota en PDF