REGANOSA PROPÓN QUE EN TODOS OS PORTOS GALEGOS SEXA POSIBLE ABASTECERSE DE GNL

04/21 2017

REGANOSA PROPÓN QUE EN TODOS OS PORTOS GALEGOS SEXA POSIBLE ABASTECERSE DE GNL

  • O director xeral da compañía chama a aproveitar na comunidade o crecente negocio da navegación a gas

O director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, chamou hoxe a Galicia a non perder o tren do GNL no transporte marítimo. “Ten que haber gas natural licuado dispoñible en todos os portos da comunidade autónoma”, proclamou durante a súa intervención nunha xornada sobre o estado do sector gasístico organizada en Santiago polo Grupo Colmeiro, de análise e debate. Dese xeito, a potente frota rexional, os buques que acudan aos estaleiros da comunidade ou ben os que transiten polo corredor de Fisterra (40.000 cada ano) poderán abastecerse de combustible en dársenas galegas se están adaptados ao GNL. Un tipo de barcos cuxa demanda se triplicou nos últimos catro anos. “A construción de buques propulsados con GNL –aventurou- seguirá crecendo e seguirá facéndoo de maneira exponencial”.

Para que poida liderar ese mercado do subministro de GNL como combustible marítimo, Galicia non só necesita dotar aos seus portos das infraestruturas necesarias (pequenas plantas de carga servidas regularmente desde a terminal de Mugardos). Esta última precisa igualmente adaptarse ao mercado coa habilitación dun novo jetty para recibir barcos de pequeno porte. Bruquetas, ademais, agregou: “Necesitamos un terceiro tanque en Mugardos, é fundamental incrementar a nosa capacidade de almacenaxe. […] Almacenar é a clave en loxística”. A compañía, por último, estuda como facer economicamente viable a construción dun buque propio para cargar GNL en Mugardos e levalo a outros barcos.

No marco do seu relatorio, o director xeral de Reganosa lamentou que España teña perdido a dianteira no negocio das grandes cargas de GNL, tras o que subliñou a necesidade de adaptar a normativa e as infraestruturas actuais para recuperar terreo ante outros países de Europa. Así mesmo, puxo o acento sobre a necesidade de rematar xa co illamento de Galicia respecto aos grandes gasodutos. “Aquí non só levamos moito tempo esperando polo AVE, esperamos tamén por unha conexión sólida co sistema gasista español e europeo”, exemplificou.

Bruquetas completou a súa exposición repasando a traxectoria da compañía que dirixe. “Para nós, Galicia éo todo en realidade. Nacemos para axudar a Galicia e para incorporala ao sector do gas. […] Agora, desde Galicia xa saímos ao mundo”, declarou, en alusión á crecente presenza de Reganosa noutros países.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF