REGANOSA PRESENTA NA CONFERENCIA MUNDIAL DO GAS A FORMACIÓN DUN HUB DE GAS NATURAL LICUADO NO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA

06/01 2015

REGANOSA PRESENTA NA CONFERENCIA MUNDIAL DO GAS A FORMACIÓN DUN HUB DE GAS NATURAL LICUADO NO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA

A reunión, que se celebra en París, reúne a máis de seiscentas empresas de cen países distintos.

O proxecto para a formación dun hub de gas natural licuado (GNL) no noroeste da Península Ibérica será estudado por iniciativa de Reganosa na 26ª Conferencia Mundial do Gas, que hoxe comeza en París.  Trátase da cita máis importante do sector, que reúne a centenares de profesionais.


A Conferencia Mundial do Gas, que se prolongará ata o vindeiro venres, está organizada pola International Gas Union, organización que representa ao 97 % do mercado global do gas. A reunión ten carácter trianual, e na mesma estarán representadas unhas seiscentas empresas de cen países distintos.


Na cita de París serán estudadas cuestións de gran transcendencia para o futuro do sector gasista internacional. Máis de mil profesionais traballaron durante tres anos na súa elaboración. Entre outras cuestións, debaterase sobre o papel do gas na enerxía sustentable do futuro, a “perfecta combinación” de gas e electricidade, o gas como factor de crecemento das novas economías, etc.


O plan para a formación dun hub de gas natural licuado no noroeste da Península Ibérica será exposto por Rodrigo Díaz Ibarra, director de Desenvolvemento de Reganosa. A presentación está programada para mañá, no marco dunha mesa de traballo sobre o papel do GNL como combustible alternativo para o transporte.  


Co apoio da Comisión Europea e xuntamente coa Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e Navantia, Reganosa está estudando a creación do citado hub. As conclusións dese traballo de investigación coñeceranse no segundo semestre do ano.  


A participación de Reganosa en foros internacionais do sector gasista non é nova, tanto no ámbito global como no da Unión Europea. De feito, Reganosa xa contribúe, a través de ENTSOG(European Network of Transmission System Operators for Gas), á planificación das infraestruturas de gas que deseña a Administración de Bruxelas.