REGANOSA PARTICIPA EN NIZA NUN FORO INTERNACIONAL SOBRE GAS NATURAL LICUADO

11/29 2016

REGANOSA PARTICIPA EN NIZA NUN FORO INTERNACIONAL SOBRE GAS NATURAL LICUADO

Expón o caso do noroeste peninsular nun panel sobre o papel das terminais de GNL en Europa.

Reganosa participou como relator no International Gas Summit INTERGAS centrado no gas natural licuado (GNL), que se celebrou os días 28 e 29 de novembro en Niza (Francia). Representada polo seu director de Regulación e Estratexia, Sergio Barral, Reganosa expuxo o caso do noroeste peninsular nunha intervención enmarcada nun panel titulado “O papel das terminais de GNL en Europa”.

Xunto a representantes doutras operadoras, como Fluxys, Gate Terminal ou Enagás, Reganosa debateu sobre o papel fundamental das plantas de GNL para o bo funcionamento do mercado de gas para garantir a seguridade do fornezo.

Sergio Barral centrou a súa intervención en como desde fai anos trabállase no desenvolvemento da loxística de distribución de GNL small scale (a pequena escala) en España, país líder neste tipo de operacións, con máis de 40.000 cargas de camións ao ano. Tan só da terminal de Reganosa saíron máis de 7.000 cisternas en 2016 para distribución de GNL a industrias ou plantas satélites.

Outro dos puntos chave do panel foi o impulso ao GNL marítimo fomentado polas regulacións internacionais que limitan as emisións de gases contaminantes. Barral sinalou que actualmente trabállase xa na adaptación das terminais ás novas operacións de fornezo de GNL como combustible marítimo, por exemplo co proxecto CORE LNGas Hive, do que Reganosa é socia, que busca crear unha cadea loxística integrada, segura, flexible e eficiente na Península Ibérica.

O panel pechouse con observacións sobre os retos operativos que esperan ás plantas de GNL trala implementación de novas regulacións baseadas no mercado.

As principais compañías vinculadas ao mundo do GNL, tanto operadoras de terminais como comercializadoras ou fabricantes de compoñentes, participaron neste encontro, no que se sucederon os relatorios e debates sobre o presente e o futuro do GNL. Entre os temas expostos estiveron o papel do gas como garantía de fornezo enerxético, as tendencias e oportunidades do mercado de GNL, as innovacións a nivel tecnolóxico ou o desenvolvemento das infraestruturas a pequena escala.

Nota en Word

Nota en PDF