REGANOSA ENTREGA AO CONCELLO DE MUGARDOS O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE CALDOVAL

09/08 2017

REGANOSA ENTREGA AO CONCELLO DE MUGARDOS O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE CALDOVAL

  • A instalación, iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, o Concello de Mugardos e Reganosa, acolle restos arqueolóxicos romanos
  • Reforzará o atractivo turístico e cultural de Galicia, xa que se trata dun centro único no seu xénero, dedicado ao deporte e ao termalismo na cultura romana clásica

 

Reganosa entregou ao Concello de Mugardos o Centro de Interpretación de Caldoval, nun acto que presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e ao que asistiron a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e o presidente de Reganosa, José María Paz. A nova infraestrutura cultural, na que Reganosa investiu 3 millóns de euros, será posta de inmediato a disposición do público por parte do Concello.

O Centro de Interpretación de Caldoval é froito da colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Mugardos e Reganosa. Esta última destinou 3 millóns de euros á recuperación dos restos arqueolóxicos romanos no seu emprazamento orixinal e á súa musealización nun edificio construído expresamente para tal fin nuns terreos cedidos polo Concello. O centro, dedicado ao deporte, os valores termais e os salutíferos na cultura romana clásica, é único no seu xénero en España.

O proxecto arqueolóxico de Caldoval ten por obxecto o estudo, escavación e posta en valor dun xacemento localizado nunha propiedade de Reganosa, en Mugardos. Alí se atoparon, como parte dunha vila marítima romana, unhas instalacións termais e deportivas. Posteriormente, os restos foron extraídos e clasificados para que puidesen ser recolocados no interior dun edificio museístico novo. Esta construción foi deseñada polo arquitecto Alfonso Penela, que concibiu solucións orixinais para realzar o valor dos restos e facilitar ao público visitante a súa contemplación.

As pezas de maior tamaño foron introducidas no interior do edificio antes de que este tivese cuberta, porque coas súas dimensións tería resultado imposible metelas no edificio rematado. Despois construíuse a cuberta do centro, de 1.300 metros cadrados soportados por celosías metálicas que suman un peso de 70 toneladas. Sobre esa cuberta hai un xardín.

O Centro de Interpretación de Caldoval está chamado a converterse nun importante aliciente turístico que reforce o atractivo ambiental e paisaxístico de Galicia. Igualmente poderá operar como un lugar de divulgación e de promoción do estudo da cultura romana. En todo caso, tamén servirá para poñer de manifesto que a conxunción da responsabilidade social dunha empresa, Reganosa, e a sensibilidade e a xestión das institucións públicas, Xunta de Galicia e Concello de Mugardos, poden culminar en proxectos de grande interese xeral. 

O xacemento de Caldoval ocupaba unha extensión de 2.000 metros cadrados, se ben unha boa parte quedou afectada pola acción do mar. O complexo está formado por un edificio termal con palestra e outro cun grupo de cuartos. A súa importancia radica en que é o único balneario rústico con palestra escavado en Galicia, e que ademais conserva completas practicamente todas as súas estancias.

O Centro de Interpretación de Caldoval ten como obxectivo principal a contemplación do xacemento para que o público poida comprender todo o significado do complexo. Conta con dispositivos multimedia que ofrecen información sobre a práctica do deporte no mundo romano e os espazos que se destinaban á mesma.

No tránsito entre este espazo e os restos arqueolóxicos amósanse pezas recuperadas durante a escavación. A sala principal acolle os restos arqueolóxicos, para o que se recrearon as condiciones topográficas necesarias que permitan velos en disposición semellante á orixinal. A súa visualización reforzouse cunha gran pantalla mural que dá profundidade aos restos e tamén serve para visualizar un documental sobre o deporte na cultura romana entre os séculos I e V despois de Cristo, etapa na que a vila estivo en uso.

O xacemento orixinal

A construción romana está configurada polo apodyterium, unha especie de distribuidor que organiza a circulación interior do edificio; o frigidarium, onde se localiza o baño de auga fría; o caldarium ou dependencia de auga quente; dous cuartos denominados hipocausto, acondicionados para soportar altas temperaturas, unha canle para evacuar as augas e unha gran palestra. O material dominante na edificación é o xisto que serve para construír  cachotería.

A reconstrución amosa os restos arqueolóxicos tal como se descubriron, coas recreacións necesarias para que os visitantes, independentemente dos seus coñecementos arqueolóxicos poidan comprender como era o edificio e o uso ao que estaba destinado. En total, recuperáronse e están clasificadas 12.500 pezas orixinais.

Os restos arqueolóxicos que alberga o Centro de Interpretación de Caldoval formaban un xigantesco quebracabezas de 12.500 pezas, que foron recolocadas con precisión no seu novo emprazamento. A clave para que isto fose posible está na súa minuciosa clasificación e siglado. Antes de retirar as pezas da súa localización orixinal, asignóuselle a cada unha unha sigla e un número que están relacionados co muro ou estrutura á que pertencen.

Reforzará o atractivo turístico e cultural de Galicia, xa que se trata dun centro único no seu xénero, dedicado ao deporte e ao termalismo na cultura romana clásica

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF