REGANOSA CONVIDA A CINCOCENTOS ESTUDANTES PARA QUE ANIMEN AO RACING DE FERROL NO PARTIDO DO VINDEIRO SÁBADO

05/03 2016

REGANOSA CONVIDA A CINCOCENTOS ESTUDANTES PARA QUE ANIMEN AO RACING DE FERROL NO PARTIDO DO VINDEIRO SÁBADO

  • Trátase dunha iniciativa en resposta ao Consello de Administración do club, que apelou ao “Orgullo Ferrolán” para encher o estadio da Malata
  • As entradas terán que solicitalas en bloques os centros docentes de Ferrolterra

Cincocentos estudantes de Ferrolterra poderán animar ao Racing de Ferrol no partido que disputará o vindeiro sábado ante o Racing de Santander, por iniciativa de Reganosa, que se fará cargo das entradas. Con esta iniciativa, a empresa súmase ao chamamento ao “Orgullo Ferrolán” lanzado onte polo Consello de Administración do club.

Reganosa é o patrocinador principal do Racing, e espera que o equipo poida culminar a tempada co ascenso de categoría. O encontro entre ferroláns e cántabros, decisivo para que os primeiros conserven o primeiro posto da Liga de 2ª B, disputarase o vindeiro sábado no estadio da Malata.

As entradas serán distribuídas en bloques, previa solicitude de centros de ensino de Ferrol e comarca tanto públicos como privados. Os colexios e institutos que desexen entradas para os seus alumnos terán que solicitalo a Reganosa, a través da conta de correo electrónico [email protected], indicando a cantidade de localidades que desexan e un número de teléfono para contactar. Unha vez adxudicadas, será o propio Racing de Ferrol quen se encargue de entregalas aos colexios.

Reganosa entende que con este reparto de entradas responde á petición do Consello de Administración do Racing de Ferrol, quen ante o partido do próximo sábado dixo que “necesitamos sentir o apoio de toda a cidadanía de Ferrolterra”.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF