REGANOSA ADXUDICA A POSTA EN VALOR DOS RESTOS ARQUEOLÓXICOS DE CALDOVAL

09/01 2014

REGANOSA ADXUDICA A POSTA EN VALOR DOS RESTOS ARQUEOLÓXICOS DE CALDOVAL

  • - A iniciativa, que dota a Mugardos dunha infraestrutura cultural de primeiro nivel, é froito da actuación conxunta de Xunta de Galicia, Concello e Reganosa.
  •  
  • - Os traballos iniciaranse a principios de outubro e prolongaranse durante catorce meses.
  •  
  • - Antes de construír a cuberta do centro, situaranse mediante guindastre as pezas máis grandes do xacemento, que, polas súas dimensións, sería imposible introducir unha vez que o edificio estivese pechado.

 

Reganosa adxudicou a posta en valor dos restos arqueolóxicos de Caldoval, polo que os traballos comezarán a principios de outubro para concluír catorce meses despois. Trátase dunha iniciativa conxunta da Consellería de Cultura, o Concello de Mugardos e a compañía. Esta, ademais de aportar os máis de 2,5 millóns de euros precisos para executar o proxecto, ocúpase de xestionar a obra.

O xacemento romano de Caldoval está situado no lugar de Punta Promontoiro. Foi catalogado e protexido en 1997. As escavacións levadas a cabo por conta de Reganosa puxeron de manifesto a existencia de dous conxuntos diferenciados: por unha banda, distínguese unha canle escavada na rocha e unha serie de estancias orientadas á costa, cuxo uso podería estar vinculado a tarefas relacionadas co comercio, e, por outra, un balneario rural doméstico que conta cunha palestra para a práctica do deporte. Este conxunto, que estivo en uso entre os séculos I e V logo de Cristo, foi extraído para a súa recolocación no centro de interpretación.

Os traballos de posta en valor dos restos de Caldoval comprenden a execución simultánea dun edificio para centro de interpretación, a musealización do material arqueolóxico e a urbanización da contorna. Esta actuación coordinada a través dun único construtor permitirá mellorar a xestión dunha construción complexa como a que se aborda.

As operacións comezarán coa preparación da parcela, de 10.500 metros cadrados, e a escavación, na que se moverán uns 8.000 metros cúbicos de terra e rocha. Esa superficie, de propiedade municipal, está situada no Camiño do Cemiterio, dentro do casco urbano de Mugardos. Unha vez efectuada a fase inicial, será necesario adaptar o fondo do solar á topografía do xacemento, labor que será clave para a correcta reconstrución.

O edificio compoñerase de dous niveis en altura, cunha superficie total construída de 1.600 metros cadrados. Na planta superior, duns catrocentos metros cadrados, irá a zona de servizos do centro, mentres que no piso inferior estarán a área de acollida de visitantes e a exposición do xacemento. Nas estruturas do edificio empregaranse 2.500 metros cúbicos de formigón para os muros, ademais de 800 metros cadrados de prefabricados do mesmo material para o forxado da cuberta e uns 70.000 quilos de aceiro laminado.

O arquitecto Alfonso Penela deseñou o proxecto. Trátase dun edificio no que as ruínas son o actor principal, achegándose á idea dun mausoleo, máis que a unha sala de exposicións ao uso. Así, a obra, sobria, digna e austera, resólvese cunha soa decisión: un muro que, en forma de espiral, constrúe todo. A espiral vaise enterrando para devolver as ruínas á terra e deste xeito situarse na cota primixenia, ausente de interferencias exteriores. En superficie, o acceso ao museo e uns lucernarios emerxen do edificio e inducen a baixar a través dunha rampla moi suave, que dirixe, entre os muros de formigón, cara á “cripta”. Nela, o chan afúndese e muda para acoller as ruínas romanas. Unha pasarela permitirá observar as ruínas desde unha posición elevada.

A medida que se levante a estrutura do edificio, e antes de executar a cuberta, situaranse mediante guindastre as pezas máis grandes do xacemento que, polas súas elevadas dimensións, sería imposible introducir unha vez que o edificio estivese pechado. Todo o conxunto ocupará uns seiscentos metros cadrados. Unha vez finalizada a estrutura e a cuberta do centro -que terá unha parte axardinada- acondicionaranse as instalacións e os revestimentos e acabados, ata rematar a obra. Os traballos no edificio completaranse coa reconstrución da edificación romana e os traballos de musealización.

No exterior do novo centro de interpretación, os seus tres promotores, Xunta de Galicia, Concello de Mugardos e Reganosa, decidiron acondicionar a contorna con beirarrúas, vías, estacionamento, unha pradería de 6.400 metros cadrados e un bidueiral. Estes traballos comezarán a medida que vaia finalizando a construción do edificio.

Ademais de dotar a Mugardos dunha infraestrutura cultural de primeiro nivel, a posta en valor dos restos de Caldoval tamén constitúe unha contribución ao mercado de emprego local, xa que se requirirán 31.300 horas de traballo humano, con puntas nas que coincidirán traballando vinte e cinco persoas.

Reconstrución e musealización dos restos

O obxectivo de Xunta, Concello de Mugardos e Reganosa é a reconstrución dos seiscentos metros cadrados de xacemento extraídos de Caldoval, que se completará co apoio museográfico no que se prevén actuacións encamiñadas á comprensión do conxunto histórico. Entre outras, a recreación de certas estancias e proxeccións estereoscópicas que permitan ao visitante transportarse ao antigo mundo romano.

A reconstrución do complexo estará formada por un balneum rural doméstico con palestra. No devandito complexo o visitante poderá apreciar as diferentes estancias que o compoñen: un distribuidor ou apodyterium, un baño de auga fría ou frigidarium, un baño de auga quente ou caldarium, dous cuartos ou hipocaustos, a palestra que conserva algúns dos seus alicerces e unha canle para a evacuación de augas.