REGANOSA ADAPTARÁ A SÚA OFERTA DE SERVIZOS Á DEMANDA CRECENTE DE GNL COMO COMBUSTIBLE PARA BUQUES

04/10 2018

REGANOSA ADAPTARÁ A SÚA OFERTA DE SERVIZOS Á DEMANDA CRECENTE DE GNL COMO COMBUSTIBLE PARA BUQUES

  • É necesario realizar investimentos nas terminais de gas natural licuado (GNL) para satisfacer as novas demandas das flotas

A terminal de Reganosa no porto ferrolán asumiu o reto de adaptar a súa oferta de servizos á demanda crecente de gas natural licuado (GNL) como combustible para o transporte marítimo. O sector estima que en 2025 o avituallamento de barcos suporá un 20 % do mercado total de GNL. Así o puxo de manifesto hoxe Carlos Vales, director do Proxecto Hub de Reganosa, nunha reunión técnica celebrada en Madrid.

Reganosa participou como relator na xornada internacional “Clean power for transport: investimentos a realizar e tecnoloxías”, que se celebrou esta mañá na base da Comisión Europea en Madrid, organizada pola Asociación Ibérica de Logística y Puertos (AILOP). Expuxo a necesidade de realizar investimentos nas terminais de GNL españolas para ampliar a súa carteira de servizos ao abastecemento eficiente deste combustible limpo para o transporte marítimo.

Carlos Vales interveu nunha mesa redonda dedicada a “Infraestruturas para os novos combustibles”, xunto a representantes de Portos do Estado e do Consorcio Europeo ECO-GATE. Ante un auditorio formado por profesionais dos sectores da enerxía e do transporte, centrou a súa exposición nos investimentos necesarios para preparar as plantas de GNL para ofrecer novos servizos aos seus clientes. O principal, o avituallamento de gas natural licuado como combustible para buques, debido ás súas enormes vantaxes ambientais fronte aos combustibles que empregan na actualidade.

O representante de Reganosa tamén explicou o proxecto de Hub do Noroeste Ibérico, que inclúe a ampliación da capacidade de almacenamento da terminal de Mugardos e a construción dun novo jetty, xunto a adaptación do existente ao tráfico de pequena escala. Con iso trátase de atender a demanda derivada da navegación sostible que se espera nun futuro. Estas obras forman parte das accións do proxecto europeo CORE LNGas hive para o impulso do GNL como combustible no sector do transporte, que presentou os seus últimos avances na xornada.

AILOP tratou, a través desta xornada, de afondar na necesidade de impulsar o emprego de combustibles alternativos no transporte, como o GNL, para minimizar a dependencia do petróleo e reducir o impacto ambiental pola vía da redución de emisións.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF