04/04 2016
O fallo cuestiona un procedemento nunha tramitación administrativa longa e complexa, pero non pon en dúbida unha instalación que é eficiente, segura, estratéxica e de interese xeral. O Tribunal Supremo recoñece que en cuestións de seguridade e de medio ambiente a compañía procedeu correctamente. Só pon obxeccións por unha falta de cobertura urbanística que en realidade xa está emendada, tal como recoñece o propio órgano xudicial.
Posto que se trata dunha cuestión formal, e non de fondo, a anomalía detectada non só é corrixible, senón que a compañía traballa xa en resolvela. O propio Tribunal Supremo apunta á regularización desa autorización, á vista dos trámites urbanísticos xa realizados, que deberán de ser tidos en conta “sen dúbida”.
Porque vivimos nun Estado de Dereito, Reganosa ten a certeza de que conta co amparo das institucións e o apoio da sociedade galega para axustar a tramitación administrativa da autorización previa da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas ao sinalado polo Tribunal Supremo, que será cumprido estrita e integramente. O propio Tribunal Supremo recoñece que, actualmente, a instalación xa conta coa adecuada cobertura urbanística, que haberá de terse en conta para “resolver a nova solicitude que se presente”.
Reganosa é unha compañía recoñecida e sometida ao control das Administracións europea, española, galega e municipal, o que constitúe o mellor aval para continuar a súa actividade no sector gasista nacional e internacional.