07/22 2016
Ver vídeo da chegada do Sestao Knutsen á terminal
A terminal de Reganosa no Porto de Ferrol recibiu hoxe o buque Sestao Knutsen, con 138.000 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL). Trátase do primeiro cargamento dese combustible que chega a España procedente de Estados Unidos, e o segundo de Europa.
A nova ruta entre España e Estados Unidos que se abre ca chegada do Sestao Knutsen pon de manifesto a vocación atlántica e enerxética do porto de Ferrol e o cambio operado no sector da enerxía tras a posta en explotación das grandes reservas de gas natural norteamericanas. Ferrol está chamado a xogar un papel moi destacado no crecente fluxo de gas natural licuado (GNL) que chegará a Europa desde Norteamérica.
O Sestao Knutsen procede da terminal de licuefacción de Sabine Pass (Luisiana), en funcionamento desde febreiro de 2016, operada por Cheniere Energy.
Cheniere estima que Estados Unidos converterase no terceiro maior provedor de GNL en 2020, cunha capacidade de produción de 60 millóns de toneladas anuais. España será un dos principais receptores do combustible norteamericano debido a que é o país europeo que conta coa mellor rede de regasificadoras. A orientación atlántica de Ferrol fai da terminal de Reganosa o lugar idóneo para recibir ese fluxo.
No Porto de Ferrol encóntranse tamén os estaleiros de Navantia, líderes europeos en reparación e revisión de gaseiros. Navantia e Reganosa, con Gas Natural, teñen un acordo para poñer en común as súas capacidades e prestar servizos conxuntamente para os metaneiros que precisen operacións de gassing up, cool down e reparación.
Ver vídeo da chegada do Sestao Knutsen á terminal