PRESENTADA A VI BANDEIRA REGANOSA

07/28 2016

PRESENTADA A VI BANDEIRA REGANOSA

  • A proba é puntuable para a Liga Galega de Traíñas celébrase o sábado ás 18.00  horas.

Mugardos acollerá a próxima fin de semana a “VI Bandeira Reganosa”, proba que forma parte do calendario da 1ª División da Liga Galega de Traíñas. A regata desenvolverase o sábado ás 18 horas en augas da ría ferrolá. Competirán once tripulacións ante un público que se espera moi numeroso, segundo explicou Guillermo Pereira Coto, presidente da entidade organizadora, o Club do Mar de Mugardos.

Esta nova cita do remo galego foi presentada esta mañá no Concello de Mugardos pola concelleira de Benestar Social, Mónica Martínez; Guillermo Pereira e Lucía García, directora de Administración de Reganosa, compañía que patrocina ao Club do Mar e a “VI Bandeira Reganosa”.

Na regata competirán tripulacións dos clubs de remo de Pobra, Ares, Coruxo, Mecos-Mondariz, Amegrove, Chapela, Vilaxoán e Salgado-Perillo así como dos clubs do mar de Bueu e Castropol, que se repartirán en tres quendas. A distancia para percorrer será de tres millas mariñas (5.556 metros), divididas en catro longos con tres ciabogas. O campo de regatas estará situado ante o peirao mugardés. A “VI Bandeira Reganosa” é puntuable para a Liga Galega de Traíñas.

A concelleira de Benestar Social de Mugardos destacou o traballo do Club do Mar e a colaboración de Reganosa mediante este patrocinio na celebración da regata, desexando que todo o público asistente goce da proba.

Lucía García, pola súa banda, sinalou que alcanzar a sexta edición da regata “converte a Bandeira Reganosa nunha competición consolidada na liga Galega de Traíñas”, algo que non sería posible sen o labor do Club do Mar. Tras sete anos colaborando coa entidade, expresou a súa intención de continuar facéndoo xa que “fomenta valores nos que desde Reganosa cremos, como o amor ao mar e a práctica do deporte”.

Guillermo Pereira, presidente do Club do Mar, expresou o orgullo da entidade que representa por levar seis anos organizando esta proba e o seu agradecemento ao apoio do Concello e de Reganosa, que fai posible contar cun club de remo na localidade.