AS BANDEIRAS DE TRAIÑEIRAS “REGANOSA” FEMININA E “CONCELLO DE MUGARDOS” MASCULINA DISPÚTANSE O DOMINGO

08/14 2019

AS BANDEIRAS DE TRAIÑEIRAS “REGANOSA” FEMININA E “CONCELLO DE MUGARDOS” MASCULINA DISPÚTANSE O DOMINGO

  • As regatas comezarán ás 12.00 horas e contarán coa participación de seis equipos femininos e dez masculinos

Mugardos acollerá este domingo, 18 de agosto, a II Bandeira Reganosa de Traiñeiras Feminina, e a IV Bandeira Concello de Mugardos Masculina. O consistorio acolleu esta mañá a presentación das probas nun acto que contou coa presencia da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, Tomás Franco, representante de Reganosa, e Guillermo Pereira, presidente do Club do Mar da localidade. As regatas, que comezarán ás 12 horas, vanse disputar fronte ao Cantón de Cora, no peirao da localidade e, a teor do acontecido en anos anteriores, levarán a centos de persoas ata o porto de Mugardos.

Precisamente, a alcaldesa Pilar Díaz destacou que a celebración destas probas é un estímulo máis para empuxar a hostalería e o turismo na vila de Mugardos, cuxo Concello se preza de apoiar o remo, un deporte tan duro e con tanta tradición en Galicia. Sinalou particularmente o feito de que Mugardos conte desde o pasado ano cun equipo feminino de traiñeiras e loubou o traballo que se está a facer por parte do Club do Mar.

En representación de Reganosa, Tomás Franco destacou o “firme compromiso da compañía con Mugardos e co seu Concello, e particularmente co remo, un deporte que forma parte da cultura de Galicia”. Reganosa está, dixo, coa vida saudable e co deporte en xeral.

Guillermo Pereira, presidente del Club de Remo, agradeceu o apoio de Reganosa e o Concello, cuxa continuidade, dixo, é esencial para manter as actividades da entidade. Segundo explicou, actualmente so hai seis clubes da liga galega de traiñeiras que sosteñan equipos masculino e feminino. “É algo que require un esforzo económico e humano importante”, comentou. Neste marco, Pereira considerou que non poden mirarse exclusivamente os resultados da competición e cómpre valorar o esforzo de todos, así como perseverar para ir mellorando.

Na bandeira masculina participarán os dez equipos da Liga B e na feminina, os seis da Liga Galicia Calidade.

Nota en Word

Nota en PDF